Somatén, a arma de Primo de Rivera

O Somatén Nacional, unha especie de milicias formadas por Primo de Rivera, tivo en Chantada o seu propio grupo. Foi nomeado en xaneiro de 1924 e a súa filiación foi medrando ata converterse no máis grande de Galicia. O punto álxido da formación foi no 1928, ata que no ano 1931 se ordeu o seu total desarme
Somatén

CANDO o 13 de setembro de 1923 se subleva o xeneral Miguel Primo de Rivera, o rei Alfonso XIII lexitima co seu apoio a xefatura de Goberno e presidencia do Directorio militar. Inmediatamente o monarca asina un decreto no Consello de Ministros polo cal se crea o Somatén Nacional (somatent é de orixe catalán e significa: estamos atentos), unha especie de milicias "de rancio e glorioso abolengo español, onde se reúnen todos aqueles homes de boa vontade, amantes da orde e celosos dos seus deberes cidadáns". En Chantada son nomeados para o Somatén do Asma en xaneiro de 1924 Manuel Otero Soto como cabo e o subcabo Daniel Vázquez Campo, sendo designado como capitán a Ramón Pozo Pascual que será responsable dos partidos de Chantada, Sarria, Monforte e Quiroga.

Segundo o Boletín Oficial do Corpo de Somatenes Armados da 8ª Rexión en marzo de 1924 Vilalba contaba con 275 somatenes, Fonsagrada con 266 e Chantada con 256. Pero as afiliacións foron aumentando progresivamente ata converterse na forza armada máis grande de Galicia. Así pois, en novembro de 1924 estaban 666 fronte aos 494 de Vilalba e os 338 de Lugo. En agosto de 1925 Chantada tería 675 somatenes, Vilalba 494 e Lugo 397; en xuño de 1926 Chantada aumenta en 694, Vilalba en 502 e Lugo en 477; en xaneiro de 1928 Chantada conta con 722 afiliados, Vilalba con 488 e Lugo con 487. Na Gran Depresión de 1929 empezáronse a contabilizar os débitos: Chantada 96,05 pesetas, Monforte, 246,80; Quiroga, 193,2; e Sarria, 46,30.

A euforia somatenista desátase o 30 de agosto de 1924 coa visita a Chantada do Presidente do Directorio Militar, Primo de Rivera. Miles de persoas esperaban a súa chegada en coche desde a estrada Lugo-Ourense, a Garda Civil de Cabalería e Infantería "non daban despexado polo abarrote", sendo recibido polas autoridades na praza de Santa Ana. Ao seu paso pola Avenida de Luciano Travadelo 400 somatenes en fila portando bandeiras das sociedades agrarias, a cuxa entrada figuraba un arco triunfal na súa honra ata a "praza de Oriente onde había outro artístico arco". Xa a pé e seguido polos somatenes foi ata "a praza da Constitución, onde fronte á Casa do Concello o alcalde Jesús Fernández Taboada leu unha mensaxe no cal se facían as peticións máis necesarias".

Antes de acabar o ano redáctase un novo regulamento para Galicia onde se asignan tres zonas para a provincia de Lugo: a da capital, Mondoñedo e Chantada. En cada zona estaría un comandante da capital de cada provincia e un capitán para as restantes, como oficiais e auxiliares con funcións fiscais. En 1925 o capitán Miguel Fidalgo Valentín é destinado do Rexemento de Reserva de Oviedo ao Somatén de Chantada. Esta nova reorganización quedaría na provincia de Lugo da seguinte maneira: once cabos de partido e once subcabos, 59 cabos de distrito e 54 subcabos, 77 cabos de parroquia e 75 subcabos cun total de 2.884 individuos, tendo Chantada o continxente máis grande.

A maiores, os catro partidos da provincia Chantada, Sarria, Monforte e Quiroga formaríanse en dúas agrupacións: Chantada-Sarria cun auxiliar que residirá na vila do Asma e Monforte-Quiroga, con outro vivindo en Lemos. O flamante capitán auxiliar Fidalgo determina en agosto de 1926 "facer exercicios individuais e colectivos de tiro ao branco, perseguindo dous fins: ensinar e adestrar os individuos afiliados á Institución no manexo da arma e fomentar a comunicación entre todos, lazos de compañeirismo e confraternidade". O día 21 pasouse revista e exercicio de tiro en Taboada, o 28 en Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei e o 29 en Chantada.

AS PROBAS. O capitán estivo acompañado do cabo do partido de Chantada Manuel Otero e do cabo do distrito. Desde moi cedo comezaron a concorrer «á Praza da Constitución, provistos das súas armas e municións regulamentarias chegando a reunirse en 135 persoas» ás que pasaron revista xunto ao capitán o vogal Antonio Soto Lemos, o cabo do partido, o subcabo Daniel Vázquez Campo e o cabo e subcabo de distrito Manuel Cabo Rodríguez e Jacobo Rodríguez Osorio. Percorreron as rúas da vila e dirixíronse ao Seixo, onde se "terminou o acto con entusiastas vivas á patria, ao Rei, ao ilustre xeneral salvador de España Primo de Rivera, ao capitán auxiliar, xefes de partido e ao Somatén de Chantada".

En 1927 preséntanse tres Reais Ordes (RO). A do ministerio da Guerra para harmonizar o regulamento dos somatenes e a Lei de caza para que puidesen conservar o dereito ao uso e emprego da arma con independencia da súa condición social, profesión ou oficio. A RO da creación da Medalla de Constancia e outra «polo que os somatenes poden actuar de vogais militares nas Xuntas do Censo electoral, onde non existe elemento militar".

PUNTO ÁLXIDO. O punto álxido dos somatenistas foi en 1928 onde aumentaron os seus afiliados notablemente. Ademais os seus membros estaban amparados polo regulamento que indicaba que "pola mera tenencia ou parte de arma longa ou curta —sen a debida autorización— non constitúe delito, só falta regulamentaria sancionable polos seus xefes naturais" normalmente 25 pesetas de multa. Despídese o capitán Miguel Fidalgo (por ascenso) e é substituído polo comandante auxiliar de Ourense, Gregorio Rodríguez Torres. Con todo isto chegou o quinto aniversario da proclamación da Ditadura e Unión Patriótica organiza unha homenaxe en Madrid para o 13 de setembro.

Habilitáronse trens especiais e a Deputación de Lugo incluíu ao grupo Cantigas e Aturuxos. Desde Chantada saíron en coches particulares o alcalde Jacobo Rodríguez, o secretario do Xulgado Pedro Antonio Marquina, o avogado e primeiro tenente alcalde Manuel Otero Soto, o deputado provincial Antonio Soto Lemos, o comandante e concelleiro Miguel Fidalgo, o secretario do Concello José Fernández Otero, o inspector de hixiene Manuel Cabo Rodríguez e o sacerdote Manuel Vázquez Álvarez. Desde o tren de Lugo saían máis de 760 chantadinos "representantes das forzas vivas, da Unión Patriótica e do Somatén daquela localidade". Chegou con tres horas e catro minutos de atraso.

Coa aterraxe da II República tras unhas eleccións municipais de 1931 onde triunfou a coalición republicanosocialista, sendo os resultados na vila de 17 para a Federación republicana e tres para os socialistas, decretouse o desarmen do Somatén. O novo goberno transforma o seu sector máis activista nunha Garda Cívica Republicana (GCR) que sería absorbida pola FET- JONS na ditadura franquista.

Más en Ribeira Sacra
Comentarios