Seguir medrando a carón do rural

A Túa Xanela alcanzou os 10.000 servizos activos no pasado 2022 e agora asume o reto de duplicalos e tamén de ampliar o seu catálogo
Parte do cada vez máis numeroso equipo de A Túa Xanela. EP
photo_camera Parte do cada vez máis numeroso equipo de A Túa Xanela. EP

A empresa de telecomunicacións A Túa Xanela, que naceu en Chantada da man de profesionais con máis de 10 anos de experiencia no sector da fibra óptica ata o fogar (FTTH), consolidouse o pasado ano, cando alcanzou os 10.000 clientes. Este 2023, a compañía, que xa ten presenza nas catro provincias galegas, marcou o reto de seguir medrando: quere duplicar os servizos activos e ampliar o seu catálogo, sempre co rural galego moi presente.

"O principal era levar fibra a aquelas familias que vivían illadas dixitalmente e sempre co noso compromiso de ofrecer a mellor calidade no rural, dando mellor servizo se cabe que nas grandes cidades e a un prezo por debaixo", destaca Iñaki Castiñeira, fundador de A Túa Xanela, que ofrece fibra e móbil a 15 euros ao mes.

Di que se trataban "dunhas aspiracións modestas, pero comprometidas coa zona onde nos criamos" e o caso é que cumpriron os obxectivos e con nota. A punto de facer os dous anos dende a súa posta en marcha, A Túa Xanela celebra que 2022 foi o ano da súa consolidación.

Ademais do elevado número de clientes, que non deixa de medrar, o pasado ano tamén lle serviu á compañía para "lanzar a marca ATX NETWORKS, coa que ofrecemos solucións aos nosos clientes do sector empresarial". A Túa Xanela tamén engadiu "unha gran variedade de servicios adicionais de colectividade e cloud computing", sinala Castiñeira.

Compromiso social

Xunto co bo servizo que buscan ofrecer, queren ser "moito máis que unha empresa para as vilas nas que traballamos", Por iso, sinala Iñaki, "colaboramos con moitos organismos sen ánimo de lucro, dando fibra de balde ás persoas que máis o precisan, e axudamos a entidades deportivas e sociais nas zonas onde estamos presentes".

Agora queren reforzar esas liñas de colaboración, pois están "orgullosos do camiño percorrido e agradecidos pola acollida das vilas nas que despregamos os servizos".O seu obxectivo, din, "sempre foi, é e será o rural galego".

Comentarios