Lola Castro: "Para salvar o rural fai falta un cambio de mentalidade da xente"

Lola Castro Ochoa, alcaldesa de Folgoso do Courel, admite que o municipio está de moda e hai que aproveitalo, pero amodiño ► O confinamento foi revelador e a xente deuse conta de que o paraíso non está lonxe 
Lola Castro. EP
photo_camera Lola Castro. AEP

Que hai de novo polo Courel?

É o momento de traballar para aproveitar o potencial turístico e a riqueza do xeoparque. Queremos mellorar a contorna do río Lor cunha área recreativa en Mogoxe, que creo que vai quedar moi ben porque se fará con materiais da zona, como madeira, pedra e lousa, para integrala no contorno. Tamén acabamos de acondicionar outro espazo en Seoane, preto do centro médico. Servirá para xogar os nenos e ademais como heliporto. Tamén está previsto outro heliporto en Folgoso, pero fíxose primeiro o de Seoane porque en Folgoso é máis fácil atopar lugar para que aterre un helicóptero se é necesario. Ademais, estamos acabando de acondicionar o Museo das Covas, para poder ofrecer unha presentación máis moderna. O obxectivo é que os visitantes teñan a sensación de estar dentro dunha cova.

Moito se ten falado do Courel nos últimos tempos. De repente todo o mundo suspira pola montaña.

Si, o ano pasado foi un boom e desde entón non paramos de recibir xente. Mentres estiveron pechadas as comunidades era xente de Galicia, pero agora xa se nota a chegada de moita de fóra. Algo ven en nós que lles gusta. A natureza, o sendeirismo, fuxir das aglomeracións...

De día hai moito que ver, pero o ceo nocturno é un espectáculo.

Si, é preciosísimo. Xunto cos outros concellos do xeoparque estamos intentando conseguir a catalogación de destino Starlight, como lugar especialmente axeitado para observar as estrelas. É outro mundo por descubrir.

E xa van moitos descubertos.

Fomos descubrindo diversos potenciais para atraer distinto tipo de público. Por exemplo, os barrancos, as covas, o sendeirismo ou incluso a reserva de orquídeas.

Iso contribúe a desestacionalizar o turismo?

Si, nótase sobre todo na primavera e no verán, que para nós eran meses baixos porque recibiamos máis visitas no outono.

Moita visita, pero ninguén queda e a poboación merma.

É a loita eterna de todo o rural. Temos unha poboación moi envellecida. Hai xente rehabilitando casas, algunha parella que chegou... Se esta pandemia pode ter algo positivo será iso. Pero non é suficiente. Para salvar o rural fai falta un cambio de mentalidade e iso non se consegue desde os concellos, senón que teñen que implicarse todas as administracións. Eu cando vivía en Barcelona tardaba máis en chegar da casa ao traballo do que tardo hoxe en ir do Courel ata Lugo. As distancias son relativas.

Un bo recurso para gañar a vida sería a castaña. Estase aproveitando como é debido ou pódese facer algo máis?

Poderíase facer moito máis, incluso había un proxecto para crear unha cooperativa para mellorar o aproveitamento da castaña, pero levamos dous anos con colleitas moi malas pola praga da vespiña que dana os castiñeiros. Estase combatendo e teño a esperanza de que a natureza, que é sabia, se recupere. Pero á marxe da praga tamén está o cambio climático. Xa antes da chegada da vespiña, a xente maior dicía que non lembraba colleitas tan pobres.

Que lle gustaría avanzar nos dous anos que quedan de mandato?

Gustaríame ver arranxada a estrada 1301, que depende da Deputación. É a que vai cara a Hospital e o tramo que falta por amañar está case todo no concello de Pedrafi ta. É necesario acondicionala porque facilita o acceso desde a autovía A- 6 e ás veces para que se crucen un bus e un camión hai que montar un operativo especial. Tamén está pendente o amaño da estrada 651, que vai de Seoane a Folgoso. Esta depende da Xunta. Está o proxecto feito e teño entendido que vai saír a licitación en breve o tramo Seoane Ferrería Vella.

E sábese algo da residencia de maiores?

Está o proxecto feito e eu á espera de recibir a chamada da Deputación para dar licenza municipal.

Optará de novo á alcaldía dentro de dous anos?

Falta moito, non o pensei. Ás veces síntome esgotada, pero cando consigo algo para a miña terra recupero as ganas de seguir.

Moi persoal: Afeccionada á cociña e ás andanzas 
Lola Castro di que o traballo na alcaldía lle ocupa case todo o seu tempo, pero aproveita calquera ocasión para desfrutar das súas afeccións. "Gústaríame andar e agora no verán, cos días longos, podo facelo aínda que sexa ao rematar a xornada".

Boa cociñeira

Outra das súas distraccións é a cociña. "Iso si que o teño máis abandonado porque necesito tempo, pero gústame cociñar sempre que podo".

Vida social

A pandemia condicionou outro dos seus momentos preferidos: as reunións familiares e con amigos. Ten algunha celebración pendente á espera de tempos mellores e pide prudencia. "Hai que ter moita precaución, sobre todo a xente nova, que son os que aínda están sen vacinar e os que teñen agora máis risco".

Comentarios