Saleta Fernández: "Só pido ter continuidade adestrando, non marcas"

Despois de tres anos marcados polas lesións, o seu único obxectivo agora é recuperar a continuidade á hora de adestrar, antes que conseguir calquera marca. Valora a importancia do apartado mental no deporte. En 2019 saltou 1,90 e foi, asegura, grazas ao traballo cunha psicóloga
Saleta Fernández, en Monforte. M.P.
photo_camera Saleta Fernández, en Monforte. M.P.

Non a están respectando nada as lesións ultimamente. En que proceso se atopa agora?
Levo varias semanas con normalidade, traballando no ximnasio. A verdade é que estes últimos tres anos marcáronme as lesións. Primeiro foron problemas na espalda, onde me fixeron bastantes infiltracións. Ao principio non as notei, pero nas últimas probas mellorei, aínda que non consigo facer pesas. Cando comezaba a sentirme ben tiven unha lesión no tendón de Aquiles.

Como o leva dende o punto de vista psicolóxico?
Este ano rematoume. Cheguei a pensar que o ano pasado fora o peor, pero non. Necesitei axuda psicolóxica, pois hai que entender que o atletismo é o 80% do meu día a día e se esa parte non funciona estarei mal, tanto no ámbito familiar coma cos meus amigos e a miña parella. Di que necesitou axuda. Vou a unha psicóloga deportiva dende 2019. Naquel momento notei un gran cambio, pero en 2020, 2021 e 2022 case non competín. Fíxeno daquela maneira en pista cuberta e ao aire libre, nada. Despois da lesión no tendón quixen forzar para chegar ao Nacional, pero non puido ser.

As lesións son a peor parte da vida dos deportistas?
Sen dúbida. Eu o apartado da constancia ou o sacrificio sem-pre o levei ben, pero as lesións machácanme. Ver que te esforzas por conseguir algo e que estas doenzas non che deixan adestrar, competir nin cumprir obxectivos... Atópome nun momento da miña carreira no que o que máis valoro é ter continuidade adestrando, non facer marcas.

Hai canto non ten esa continuidade para adestrar?
Nos últimos tres anos non consigo acumular máis de un mes adestrando. Iso supón que o corpo non estea preparado e rompa con facilidade. Insisto en que agora o único que pido é ter continuidade á hora de adestrar.

Como de importante é a fortaleza mental para unha deportista de elite, coma vostede?
É todo. En 2019 estiven lesionada e adestrei pouco. Comecei o traballo coa psicóloga e saltei 1,90 metros. Esa marca conseguina máis polo traballo coa psicóloga que polo pico de forma no que me atopaba. Na cabeza está todo. Ela tira aínda que o corpo non dea.

Nestas circunstancias, sería moi atrevido preguntarlle polos Xogos de París en 2024.
Se teño continuidade, quizais. Con esta dinámica é imposible. O meu obxectivo principal agora é recuperarme e ver como estou en inverno. Logo xa pensarei en marcas, pero o primeiro é superar as lesións.

Acode ás pistas de atletismo de Monforte, na Pinguela, as que levan o seu nome?
Teño que dicir que non. Están desfeitas. Ir alí é buscar unha lesión. Evito ir polas malas condicións nas que se atopan. Procuro adestar noutro sitio e vou ao ximnasio que ten un amigo na casa.

Que lle di a xente pola rúa cando está en Monforte?
É habitual que varias persoas me paren. A xente é moi amable, sempre me dá ánimos e me felicita pola miña traxectoria.

Comentarios