Sabela, de Tanxugueiras, como unha espectadora máis no Sangoñedo

A cantante acudiu a ver o partido entre a SD Chantada feminina e o Praíña, do que son madriñas as integrantes do grupo
Sabela, segunda pola dereita, posa coa bufanda do equipo. SD CHANTADA
photo_camera Sabela, segunda pola dereita, posa coa bufanda do equipo. SD CHANTADA

O encontro entre a SD Chantada feminina e o Praíña Sporting Club contou cunha convidada de excepción. Sabela Maneiro, integrante das Tanxugueiras, presenciou o partido desputado no Sangoñedo na maña deste domingo.

Malia o asombro que causou a súa presenza, a moitos non os colleu por sorpresa. As Tanxugueiras son as madriñas deste equipo da localidade coruñesa de Teo, preto de Santiago.

Dende o Praíña aseguraron que é "unha honra" que unhas artistas coñecidas a nivel nacional se fixasen no seu equipo "para darlle visibilidade ao deporte feminino".

Durante o partido deste domingo, Sabela, ademais de seguir con antención o partido, tivo tempo de sacar fotos con todos aqueles que llo pediron. Ademais, posou cunha bufanda da SD Chantada e asinou unha camisola do club chantadés.

No puramente deportivo, a SD Chantada caeu 1-2, grazas a un gol das visitantes no treito final. Laura foi a autora do único tanto local no que era o primeiro partido da tempada para as chantadesas.

A vindeira semana, as xogadoras que adestra Jorge González Lemos teñen por diante unha longa viaxe ata O Porriño. No campo de San Campio agarda por elas o Pontellas, que se estreou con vitoria.

Comentarios