sábado. 04.04.2020 |
El tiempo
sábado. 04.04.2020
El tiempo

Comparsas, charangas e disfraces protagonizan o Entroido no sur da provincia

Un dos actos do Entroido. EP
Un dos actos do Entroido. EP
O festexo reivindica a súa forza en Chantada, Sober, A Pobra do Brollón e Ribas de Sil como patrimonio cultural da Ribeira Sacra

As rúas, camiños e carreiros da zona sur da provincia espertaron o sábado a ritmo de Entroido, un festexo que, á par da súa parte lúdica, subliñou a súa forza como parte do patrimonio cultural, sobre todo na Ribeira Sacra.

Once comparsas, seis de adultos e cinco infantís, participaron no desfile de Entroido de Chantada. O Concello decidiu mover a data do evento do martes ao sábado por dous motivos, fomentar a participación de máis xente e tratar de que a actividade non se solapase cos actos do Entroido Ribeirao, o que resultou ser un éxito.

2020022314073756700

Aínda por riba, as condicións atmosféricas acompañaron. Non só en Chantada, senón en toda a Ribeira Sacra, onde o Entroido foi o protagonista indiscutible e se consolidou como un elemento máis para engadir á gran lista do patrimonio cultural da comarca.

Outra das novidades en Chantada foi a presenza do Entroido Ribeirao, que abriu o desfile coa súa representación característica. Os maragatos, volantes e mecos volverán saír o martes polas hortas da parroquia Santiago de Arriba.

Nas comparsas, o Brexit ou a crítica á tauromaquía foron dous dos temas que se abordaron co sentido do humor típico desta festa polo casco urbano de Chantada, un municipio onde o Martes de Entroido non é festivo local.

En Sober, por exemplo, tamén houbo desfile de comparsas. O Baile da Cachucha, unha comida tan típica destas datas, seguiu ao paso dos disfraces polas rúas da capital do Amandi. Non faltaron a música nin a degustación de viños nunha xornada festiva.

En Ribas de Sil e A Pobra do Brollón tamén se sumaron. Houbo sitio para as referencias ao xeoparque e a visión satírica de temas que están de actualidade.

OUTROS PUNTOS. O desfile de Entroido no Incio reuniu unhas 140 persoas repartidas en oito comparsas e dúas carrozas. O Combo de Eirexalba, unhas galletas, unhas vacas ou un rabaño de ovellas co seu pastor foron algúns dos protagonistas desta celebración, organizada polo Concello. O desfile rematou cunha chocolatada e unha degustación de orellas animada por un dúo musical.

O espíritu do Entroido tamén tinguiu de cor os centros educativos. O instituto Xograr Afonso Gómez de Sarria viviuno o venres pasado, cun festexo no que participaron tanto alumnos como profesores. Algunhas das comparsas estiveron moi vencelladas á actualidade, xa que abordaron temas como o coronavirus, a reciclaxe, a alimentación saudábel ou a importancia da auga.

No Ceip plurilingüe Virxe da Luz de Portomarín, alumnos e profesores caracterizáronse de músicos de rock, e incluso fabricaron as súas propias guitarras para cantar e bailar a canción Pita Records. Ademais, realizaron un mural ao que puxeron de título Entroido rockeiro, e xogaron a atopar fotografías de instrumentos musicais agochadas no colexio.

Comparsas, charangas e disfraces protagonizan o Entroido no sur da...
Comentarios