sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

Unha ruta percorre os murais que decoran distintos edificios de Quiroga

undefined
Un dos murais. EP
Foi deseñada pola oficina municipal de turismo 

A oficina municipal de turismo de Quiroga vén de deseñar unha ruta de arte urbano de 1,5 quilómetros de percorrido composta polos murais que decoran distintos edificios da vila. Estas obras pictóricas amosan diversos recursos etnográficos, gastronómicos ou turísticos do concello.

O último mural quedou rematado esta semana. Fíxoo o artista Mon Devane e chámase 'Peregrina do Camiño de Inverno'. Pode contemplarse na rúa Lago, decorando a fachada dun edificio que dá a unha praza da mencionada vía.

Coma o seu propio nome indica, a obra ensalza a importancia da ruta xacobea ao seu paso por Quiroga. A protagonista é unha muller que viste a indumentaria propia dos peregrinos que camiñan cara Santiago.

Mon Devane puxo o seu inconfundible estilo co aerosol en dous puntos da ruta. O segundo mural feito polo artista urbano ourensán fai referencia a un dos produtos de Quiroga por excelencia, o aceite. Trátase de "Neno coa oliva" e amosa a un neno observando unha oliva que ten suxeita coa man.

O aceite e o Camiño de Inverno quedan, pois, inmortalizados na paisaxe do casco de Quiroga. Tamén o mel. Germán González elaborou 'Alvariza', unha homenaxe aos apicultores da comarca no que ata hai sitio para un dos maiores amantes que ten este produto. O oso é, por certo, un animal moi relacionado coa serra do Courel, moi preto do municipio.

2021100317593867627As mulleres son as outras grandes estrelas deste particular museo de arte urbano. Un dos murais máis destacados neste eido é 'Erundina. A súperavoa de Quiroga', creado por Joseba Muruzábal e que forma parte da serie que este artista fixo por Galicia, ensalzando as mulleres rurais e a súa espectacular condición física e enerxía, case nunca pelexada coa elevada idade. No caso de Quiroga vese a unha súperavoa vendimadora.

Outra muller protagonista dun mural quirogués é Rosalía de Castro, a autora galega por excelencia, representada por Pablo Lage Sanjurjo. Por outra banda, Iván Floro, coa axuda de Alejandra, a súa irmá, pintou 'Xove na beira da auga', que evoca o sentimento da Ribeira Sacra a través dunha moza ao carón dun río.

Miguel Peralta e Xoana Alma tiraron pola vía da mitoloxía en 'A lavandeira do Sil', que representa a aurifeira, un ser relacionado coas lendas das xacias e as mouras. Por suposto, hai sitio para a reivindicación con "Sororidade", de temática feminista e pintado pola artista Abi Castillo.

O mapa de arte urbano remata con 'Bésame en esta esquina', obra do quirogués José Luis Lemos, e un muro situado na rúa do colexio de educación infantil e primaria. Esta última creación foi feita no ano 2020 polo obradoiro de emprego Sillor IV.

A ruta está dispoñible Wikilocs e Google Maps. Estas aplicacións tamén achegan aos visitantes ata os lapis culturais do albergue municipal e a casa da cultura.

Unha ruta percorre os murais que decoran distintos edificios de...
Comentarios