Alba López: "A Rosalía témola moi mitificada, así que intentamos humanizala"

Natural de Santiago, pero con raíces en Chantada, a curta 'A rosa incandescente' deulle a oportunidade a esta graduada en Matemáticas estudante de Arte Dramático de estrearse no mundo do cine. Faino interpretando a Rosalía de Castro nunha película rodada en Sabadelle.
Alba López, no pazo de Sabadelle, onde se rodou 'A rosa incandescente'. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Alba López, no pazo de Sabadelle, onde se rodou 'A rosa incandescente'. MIGUEL PIÑEIRO

O pazo de Sabadelle é o escenario onde se desenvolve ‘A rosa incandescente’, unha película de 27 minutos que se estrea no auditorio municipal de Chantada o vindeiro sábado, ás 20.00 horas, con entrada gratuíta. Alba López, con raíces maternas na mesma Sabadelle, é a actriz, estudante do último curso de Arte Dramático en Madrid, escollida para o reto de porse na pel de Rosalía de Castro. 

Como se puxo o equipo da película en contacto con vostede? 
A través de Xosé, o propietario do Pazo de Sabadelle, a quen coñezo de toda a vida. Cando estaba na Aula de Teatro da USC actuamos no Teatro Principal de Ourense en varias ocasións e veu verme. Un día atopouse coa miña nai e comentoulle que buscaban rapazas para participar nunha película sobre Rosalía, para saber se podía interesarme. Falei co equipo e concertamos un día para facerme un cásting. 

Alguén chivoume que non esperaba que a seleccionasen. 
Son moi botada para adiante, pero ao mesmo tempo teño as miñas inseguridades. Ademais do respecto que sinto por Rosalía estaba o tema do parecido físico. Dela sabemos que era unha muller alta e corpulenta, o que eu non son, por exemplo. Pero non tardaron en dicirme que non buscaban un parecido tan evidente con Rosalía, senón darlle unha imaxe nova e distinta para escapar da idea de Negra sombra, dunha muller melancólica. Rosalía é moito máis ca iso. 

O equipo buscaba darlle unha imaxe nova a Rosalía e escapar da idea de ‘Negra sombra’, de muller melancólica

E como o conseguiu? 
Lin, entre outros, o libro ‘Cantos de independencia e liberdade’, no que María Xesús Lama escribe sobre a primeira etapa de Rosalía. Tamén me animou moito a guionista e produtora, Anxos García, dicíndome que se cadra Rosalía e eu temos máis en común do que cría. A idea foi intentar humanizar a escritora, porque a temos tan mitificada... É un símbolo noso. Intentamos traela ata un punto máis próximo, porque se cadra non está tan afastada de nós como pensamos. 

Cando lle dixeron que era vostede a actriz elixida, que pensou? 
Púxenme contentísima, porque ademais a elección dábame a oportunidade de rodar aquí, en Sabadelle. Sempre se che pasa pola cabeza que, como hai tanta xente no mundo, ao facer o cásting se cadra non gustas e prefiren a outra. Que te elixan anima e motívate. 

Que tal a experiencia de rodar unha película? 
Levo dende nena no teatro e aínda que participei nalgúns proxectos audiovisuais nunca o fixera como protagonista e foi moito mellor do que pensaba. A verdade é que todo o mundo poñía moi fácil todo. Quizais axudou ser un proxecto con pouco presuposto, feito, por así dicilo, por amor á arte. É a filosofía coa que Anxos e David Vázquez impulsaron a iniciativa. Darlle a xente a ler o guión para que confíe na iniciativa e participe. Todo foi moi agradable, próximo e familiar. 

A rodaxe foi moi agradable, próxima e familiar. Todo o mundo o puxo moi fácil e foi moito mellor do que pensaba

Foi difícil interpretar a Rosalía? 
Procurei obter moita información sobre ela e imaxinar como era, pero aténdome ás miñas carácterísticas, sen forzar unha voz que non fose a miña, por exemplo. Intentei ser natural para humanizala. 

Teño moitas gañas de preguntarlle se o resultado a ten satisfeita, pero non sei se viu a película. 
A verdade é que non a vin aínda e teño gañas. Vai ser moi gracioso este sábado cando a vexa ao mesmo tempo que outra xente. É algo que me provoca moito respecto, pero tamén me fai ilusión. 

Coma actriz, ter participado neste proxecto ábrelle portas? 
Todo o que sexa participar en proxectos é bo. Sumas experiencias e aprendes moito sobre a profesión e a vida. Foi unha aventura totalmente satisfactoria e xa veremos que depara o futuro.

Na Aula de Teatro da USC foi onde me dei conta de que o que máis me gusta é actuar

Como foron os seus primeiros contactos coa interpretación? 
No instituto, en Santiago, apunteime a teatro. Recomendoumo a miña profesora de Galego, porque era moi tímida. Ao principio non quería papeis moi longos, pero segundo fun avanzando foime gustando cada vez máis, así que pronto cambiei de idea. Para min, con 14 ou 15 anos, era incrible ver o Teatro Principal de Santiago cheo de xente para vernos. 

E ao final, unha estudante de Matemáticas acabou sendo actriz. 
Os dous primeiros anos de Matemáticas deixei o teatro e en terceiro notei que me faltaba algo. Entón presenteime sen esperanzas, porque escollían só a catro persoas, á Aula de Teatro da USC. Elixíronme e foi aí onde me din conta de que o que me gusta é actuar. Axudou moito ter de director a Roberto Salgueiro. O teatro pasou de ser simplemente unha actividade que me gustaba a plantexarme intentar ser profesional. Ao rematar Matemáticas matriculeime en Arte Dramático en Madrid.

Comentarios