Rosalía foi á feira en Chantada

Cinco estudantes de terceiro de Eso do IES Val do Asma aproveitaron o día de mercado para saír da aula e realizar unha enquisa sobre a poeta galega e a súa obra entre os veciños da vila
G
photo_camera O grupo de estudantes encargado da enquisa sobre Rosalía de Castro. EP

Rosalía de Castro estivo presente na última feira celebrada en Chantada. Foi grazas a cinco alumnos de terceiro de Eso do instituto Val do Asma, que aproveitaron a xornada de mercado para saír á rúa e facer unha enquisa entre os veciños, comprobando así os seus coñecementos sobre a poeta galega por excelencia.

Joel Santos Rodríguez, Pablo Rey Rodríguez, Ainhoa Neira Vázquez, Fátima Ben Yaalaoui e Vanessa Ramírez foron os encargados de seleccionar os participantes e transmitirlles as súas cuestións. Aproveitaron as respostas para unha investigación con motivo do Día de Rosalía, que se conmemora este venres. Axudoulles a profesora Patricia Freire.

"Descubrimos que todo o mundo coñece a Rosalía, sobre todo a xente de máis idade, pero case sempre superficialmente", explican os alumnos, que chaman a afondar un pouco máis na figura da escritora, de quen lles quedou claro que é unha auténtica icona da cultura galega. "Amosabamos a súa imaxe e non había ninguén que non soubese quen era e todos recoñecían que foi muller en tempos difíciles", engadiron.

Os rapaces quixeron tamén preguntar sobre outras cuestións relacionadas con Galicia, coma o idioma ou a música. Respecto á lingua, regresaron ao instituto encantados de que a maioría dos enquisados "falan galego, sobre todo se viven nas aldeas". De feito, calculan que os galegofalantes son "o 90%" das persoas ás que interpelaron.

Por outra banda, os veciños que se pararon a respostar indicaron que a maioría da xente nova coa que se relacionan "fala igualmente en galego", polo que non temen "que desapareza no futuro".

MÁIS ACTIVIDADES. Ademais da enquisa, os alumnos puxeron por Chantada carteis de papel que simulaban os típicos anuncios ofrecendo algún servizo con números de teléfono debaixo. O que había escrito neles era un poema e, na parte inferior do papel, especificábase a autoría e o libro no que aparece publicado.

Outro traballo relacionado coa literatura ten que ver cuns marcadores de páxinas, como parte dun concurso da biblioteca do centro. Todo é válido para divulgar a cultura galega.

Comentarios