'A rosa incandescente' revive a Rosalía

Unha película de 27 minutos de duración amosa a vida da escritora no momento de publicar o seu primeiro ensaio, Lieders ► Anxos García produciu un filme rodado en Chantada baixo a dirección de David Vázquez e con Alba López na pel da célebre poeta
Alba López, con raíces en Chantada, interpreta a Rosalía. BRUNO MÁEZ
photo_camera Alba López, con raíces en Chantada, interpreta a Rosalía. BRUNO MÁEZ

Rosalía de Castro revive durante 27 minutos grazas ao equipo que fixo posible A rosa incadescente, unha película rodada en Chantada que amosa ao público a vida da célebre escritora e poeta galega no momento de publicar Lieders, o seu primeiro ensaio, de temática feminista.

Os 27 minutos constitúen a duración (a intención inicial era unha curta duns dez minutos) dun filme froito da creatividade de Anxos García. Guionista e produtora, A rosa incadescente supón a súa estrea no sector audiovisual, co que nunca tivera contacto.

"A idea xurdiu durante os meses de confinamento, en 2020. Púxenme entón cun guión cinematográfico, pero sen coñecer nada nin a ninguén deste ámbito", lembra Anxos.

O seguinte paso do proceso tivo lugar cando se nos comezou a permitir saír da casa para algo máis que mercar ou traballar. Anxos García non é de Chantada, senón de Cabanas (A Coruña). Como deu cos escenarios para a súa película e con moitas das persoas que participaron nela foi unha total casualidade. "Vin en internet fotos do Pazo de Sabadelle e pensei que era perfecto para A rosa incandescente", subliña a produtora, que se desenvolve no día a día coma profesora de Linga Galega.

A esquerda, David Vázquez e Alba López na rodaxe; no centro, Anxos García (dereita) na presentación de 'Encanta se ri, conmove se chora'; e á dereita, Bruno Máez. A. ROSA INCANDESCENTE
A esquerda, David Vázquez e Alba López na rodaxe; no centro, Anxos García (dereita) na presentación de 'Encanta se ri, conmove se chora'; e á dereita, Bruno Máez. A ROSA INCANDESCENTE

 

VISITA. Ata o Pazo de Sabadelle, na parroquia chantadesa do mesmo nome, se desprazou Anxos. Polo dono, Xosé Figueroa, soubo de David Vázquez, cara recoñecida do audiovisual en Chantada, autor de documentais tan ensalzados e premiados coma O Moredo, Narote ou Asolagados.

Despois de reunirse decidiron formar equipo e facer posible que ese texto escrito no confinamento se transformara nunha película. "A partir de aí fomos sabendo os uns dos outros", explica Anxos García, quen presentou hai pouco en Ferrol, unha unidade didáctica sobre Rosalía baseada na película chamada Encanta se ri, conmove se chora.

Outro capítulo importante foi dar coa persoa axeitada para interpretar a escritora. Non houbo que ir moi lonxe. Alba López é unha rapaza con raíces en Chantada, na mesma Sabadelle, que estuda Arte Dramático en Madrid. Logo da primeira proba resultou a elixida para poñerse na pel de Rosalía de Castro.

O resto do equipo conformárono o director de fotografía Bruno Máez, a directora de arte Alicia Fernández, a encargada de vestiario Ana Gesto ou o responsable de son David Lagares. Ademais, Lara Naveiro ocupouse da caracterización; Juanpa Ameiros, dos efectos; e Tamara Lorenzo compuxo a música, orixinal para a película. O Concello de Chantada foi o principal patrocinador.

A rodaxe durou tres días, entre o 22 e o 25 de xullo do ano pasado. Nese tempo, e adaptándose a todo tipo de circunstancias externas imposibles de controlar (coma o traballo de gandeiros e agricultores na contorna), o Pazo de Sabadelle e os seus arredores transformáronse no plató onde se gravou A rosa incandescente, o proxecto que revive a Rosalía de Castro.

Será no auditorio o vindeiro sábado
A rosa incadescente poderá verse por primeira vez o vindeiro sábado, día 26, no auditorio municipal de Chantada. Á estrea da película, na que colaboran igualmente A Casa de Rosalía e David Pinancho Audiovisuais, ten entrada libre. A proxección comezará ás 20.00 horas.

Onde poderá verse
Anxos García indicou que esta cuestión aínda non está resolta. O equipo vai paso a paso e só pensa na estrea da vindeira semana en Chantada. Despois, a guionista e produtora de A rosa incandescente espera poder emitir e expoñer a película en sedes de diversas asociacións ou mesmo en salas de cine.

Comentarios