Roi Rigueira: "Cando vou de ruta levo caderno e boli para anotar o que me contan"

O autor do libro Taboada. Guía dos seus elementos máis sobranceiros recompilou os seus textos e fotos sobre o patrimonio taboadés na súa primeira obra, que será presentada o día 28 na vila. Ao labor de escritor súmase o de técnico de seguros, voceiro local do PSdeG-PSOE, porteiro do Taboada CF, apicultor afeccionado e, o máis importante, pai
Roi Rigueira, durante un dos seus percorridos por Taboada. EP
photo_camera Roi Rigueira, durante un dos seus percorridos por Taboada. EP

Cando tiña 15 anos, Roi Rigueira Agromartín percorría as aldeas de Taboada en bicicleta acompañado por un caderno no que anotaba todo o que os veciños lle contaban sobre os lugares e o patrimonio. Moitos deses apuntes aproveitounos para o seu libro, que tamén se compón de novas vivencias que o autor comezou a escribir hai un tempo nos seus perfís nas redes sociais. Editada por Hércules de Ediciones, a obra será presentada o vindeiro día 28, ás 20.30 horas, no salón de actos do antigo cuartel de Taboada.

Como comezou con este proxecto sobre o patrimonio taboadés?
Sempre me gustou, dende que era neno, andar na procura de patrimonio. Lembro que cando tiña 14 ou 15 anos percorría as aldeas do concello en bicicleta e anotaba nun caderno o que me contaba a xente. Hai tres ou catro anos comecei a escribir nas redes sobre Taboada e as publicacións foron adquirindo cada vez máis repercusión, polo que chegou un momento no que me aconsellaron facer un libro con elas e decidinme.

Quen o animou a publicar o libro?
Foron varias persoas. Sempre me gustou escribir, pero este proceso foi lento. Hai sobre dous ou tres anos que me pareceu boa idea pasar o que publicaba nas redes sociais ao papel, aínda que non lembro que houbera un punto de inflexión.

Di que aproveitou os apuntes que tomaba cando percorría Taboada na bicicleta.
Cando vou de ruta, sempre levo comigo un caderno e bolígrafo para anotar o que a xente me conta. E houbo moitas cousas que rescatei daquela época. Algunhas das persoas que me narraron historias xa morreron, mesmo hai bastantes anos nalgúns casos.

E durante aqueles percorridos, pensaba que o que escribía remataría nun libro?
A verdade é que non. Nin se me pasaba pola cabeza cando era rapaz. É unha idea na que veño traballando de xeito moi recente.

Que nos pode adiantar do seu libro? Como é?
Hai unha especie de introdución e logo cada parroquia de Taboada, son un total de 27, conta cun capítulo propio, aínda que non aparecen todos os lugares. Primeiro decanteime por un texto de introdución e logo información con fotografías de tres, catro ou cinco elementos patrimoniais. Procurei contar en cada parroquia con persoas que me transmitiran o que a xente dicía polas aldeas.

Cal é a parroquia taboadesa que máis lle sorprendeu?
A máis distinta é Santa María de Xián. É a que conta con maior extensión e tamén a máis afastada da capitalidade municipal. Alí vense cousas que non hai no resto de parroquias e moitas delas son descoñecidas. É o caso dunha alvariza semellante ás que se empregan nos Ancares ou O Courel para protexer as colmeas. O seu uso en Taboada era o mesmo e conto cunha foto a vista de dron na que se distingue o paso do río Miño polo concello ao seu carón. A min, que teño abellas, son apicultor afeccionado, fíxome moita ilusión saber desta alvariza.

Se ten que apostar, cal cre que será a parroquia que máis chame a atención en Taboada?
Hai varias que poden facelo. Falo de moito patrimonio asolagado coa construción do encoro de Belesar que se cadra non se coñecía. A aldea da Amieira é moi sorprendente ou tamén o lugar de Rubís e o guerreiro de Ralle. Pódeme falar deste último elemento, o guerreiro de Ralle? Atópase no lugar de Ralle, na parroquia de Vilela. É unha cabeza de pedra, a máis grande da Idade do Ferro galega.

No libro inclúo unha xeolocalización de cada elemento patrimonial co obxectivo de que a xente os visite se o desexa"

Sería correcto dicir que co seu libro é posible mergullarse nos segredos de Taboada?
Na obra falo de moitos elementos coñecidos, como son as igrexas románicas. Outros, en cambio, poden ser únicos e descoñecidos mesmo para a xente de aquí. Eu, por exemplo, non sabía nada da existencia da alvariza de Xián, da que falamos con anterioridade. E coma min haberá outras persoas que tampouco a coñezan.

Que repercusión espera da súa guía?
Ten un ámbito de territorio acotado. O público é o que é. Non espero un grande interese fóra de Taboada, pero entre os nosos veciños seguro que haberá unha boa acollida. A miña intención é que gocen léndoo e, por que non?, que visiten algúns deses elementos que aparecen na obra. Con ese obxectivo inclúo unha xeolocalización de cada un.

Taboada. Guía dos seus elementos máis sobranceiros atópase xa á venda?
Agora mesmo atópase na imprenta. Espero que a semana que vén estea xa dispoñible. Poderá adquirirse na propia presentación que faremos o día 28 e tamén conto con poñela á venda na libraría taboadesa Arco Iris

Comentarios