Domingo. 26.05.2019 |
El tiempo
Domingo. 26.05.2019
El tiempo

Rock sen capar desde Chantada

Liviao Marrao. AEP
Liviao Marrao. AEP

O grupo Liviao de Marrao mantén viva a esencia do bravú no municipio lucense que viu nacer este movemento a comezos dos 90

O BRAVÚ FOI un movemento moi vencellado aos comezos dos anos 90 do século pasado que reivindicaba o uso do galego para falar sobre temas cotiáns, de aquí, en xéneros coma o rock ou o punk onde os idiomas dominantes eran o castelán e o inglés. Os estudosos do tema afirman que esta corrente foi moito máis alá do meramente musical e abrangueu tamén outras artes coma a escultura, a pintura ou o cine. Ata tivo o seu particular recuncho na televisión grazas ao eterno programa 'Xabarín Club'.

Hoxe en día debátese sobre que foi daquel movemento. Segue vixente, evolucionou ou desapareceu? O que está claro é que moitos consideran que o bravú foi un antes e un despois para a música galega que quería ir máis alá do folclore. A súa particular capital situouse en Chantada, onde varios grupos precursores do fenómeno participaron nunha cea na que se asinou un manifesto e se deu por iniciado esta especie de movemento punk á galega.

En Chantada, a banda bravú por excelencia son Os Rastreros, que a comezos dos 90 provocaban éxtase grazas aos temas que creaban na corte dunha casa abandonada na parroquia da Grade. Hoxe en día, seguen en activo, pero non son os únicos que manteñen intacta a esencia daquela época. Liviao de Marrao consolidáronse como unha especie de herdeiros de Os Rastreros, cun estilo baseado na mestura de xéneros e instrumentos, a protesta contra os poderes políticos establecidos e unha posta en escena salvaxe e natural. É un "rock sen capar", como berra o seu cantante, Antón Fente, nun dos versos da canción 'Castañazo Rock', adicada a un festival que contribuíu a expandir o movemento e que enche Chantada de xente cada mes de novembro.

Liviao de Marrao rematou, coma case todos os grupos, a súa tempada de concertos e os instrumentos están aparcados ata o ano que vén, pero o proxecto segue en marcha e hai novas ideas nas cabezas dos seus nove integrantes. Ás súas costas hai xa dous discos -'Matança eta Filhoak' e 'Que cada can lamba a súa caralla'- e unha boa cantidade de concertos nalgúns dos principais festivais de Galicia.

A idea dun terceiro álbum non está polo momento entre os seus plans inmediatos. O propio Antón Fente admite que non corren bos tempos para meterse no estudio de gravación. "Require unha inversión moi grande e é complicado que sexa rendible", sinala o vocalista de Liviao de Marrao. Aínda así, Fente non descarta a publicación de novos temas ou vídeos para engadir á súa lista. Entre eles, destaca unha curtametraxe musical a favor do aborto titulada 'Cantiga de feto'.

Estilo. O son de Liviao de Marrao navega por unha fusión que pasa polo ska, o folk, o punk e ata a cumbia. Para Antón Fente, a definición de bravú coma movemento e non coma estilo musical está moi clara. "É unha actitude coa que nos identificamos plenamente 20 anos despois do seu nacemento", di o cantante.

Para Antón Fente, o bravú e os grupos que o promoveron abríronlle aos grupos autóctonos a posibilidade de tocar rock en galego e formar parte dos programas dos distintos festivais. "Hoxe en día hai un panorama musical moi diverso que non tería sido posible sen a existencia do bravú", asegura a voz de Liviao de Marrao.

Aínda así, Antón Fente, sempre crítico, ve "luces e sombras" no que á música en galego actual se refire. "Falta un tecido cultural potente que permita que os grupos cheguen ao gran público. Aínda que hai moitas e variadas, as bandas galegas quedan sempre nun segundo plano", considera. Para o cantante de Liviao de Marrao, a industria musical de Euskadi, Cataluña ou Valencia é un espello no que mirarse.

Os membros. Liviao de Marrao está composto por nove persoas. Antón Fente pon a voz a unhas cancións inconformistas e rebeldes. Xurxo encárgase da guitarra, Marcos da batería, Santi e Manolo aportan as gaitas, Héctor ocúpase do violín, Luismi da trompeta, Víctor do saxofón e Vence do trombón. A todos estes hai que engadirlle un baixista, que vai mudando.

Xuntos fan posible o cóctel de sons que identifica a Liviao de Marrao desde o ano 2010, cando comezaron. Como o propio Antón Fente recoñece, non hai un estilo que os define. O único innegociable, non podía ser doutro xeito tratándose de Chantada, é manter intacta esa filosofía dos anos 90 chamada bravú.

Rock sen capar desde Chantada
Comentarios