jueves. 13.05.2021 |
El tiempo
jueves. 13.05.2021
El tiempo

David Saa Sánchez protagoniza o relevo do rock bravú en Chantada

2021041114154627083
David Saa Sánchez. EP
O novo batería do mítico grupo Os Rastreros naceu cando a banda xa levaba 13 anos  sendo referencia en Galicia

Cando David Saa Sánchez chegou ao mundo no ano 2002, Os Rastreros xa era un grupo moi consolidado no panorama bravú de Galicia. Coa maioría de idade case acabada de cumprir, aquela banda que cando el era un bebé xa actuara no mítico Xabarín Club, sacara un disco e tocara por escenarios esparcidos por toda a rexión pasou a ser tamén a súa.

David é un dos rapaces que están a coller o relevo do bravú en Chantada. Faino na batería, instrumento que no caso dos Rastreros vai moi asociado a Juan Camilo Gómez, Richi, quen hai pouco decidiu deixar o grupo por causas familiares e laborais. Foi o último membro da formación clásica que decidiu ceder o seu sitio. Dos que comezaron -aqueles que fixeron de O sacristán de Basán, Tratorada ou A vida de Xan auténticos himnos do punk rock en galego- só aguantan Jesús López, Eléctrico, e Óscar Rodríguez.

2021041114154622690"Os Rastreros déronme a coñecer o bravú, Oíra falar moito deles e, por suposto, escoitaba as súas cancións, pero non imaxinaba que acabaría tocando con eles. Casualidades da vida", di David.

Nesa casualidade tivo moito que ver o seu tío Manuel, actual baixista dos Rastreros e profesor de David na escola de música de Chantada. Del parece herdar a paixón por tocar. "Cando me sento detrás da batería desafogo e esquezo todos os meus problemas. Soño con que sexa a miña profesión", afirma.

Sobre o feito de tocar e ensaiar cos Rastreros di sentir unha mestura de sensacións. "Por unha banda respecto, pero pola outra moito orgullo", comenta. E é que estamos a falar dun grupo emblemático e as súas cancións -entre elas a preferida do novo batería, Hate song- aínda se viven con paixón na vila despois de máis de 20 anos de traxectoria.

Os tempos cambiaron moito. O local de ensaio xa non está na corte dunha casa abandonada na parroquia da Grade e os concertos dos Rastreros non son tampouco nunha radio pirata de Vigo, onde foi a súa primeira actuación no ano 1989. Xa choveu.

Dende os inicios da formación nos 80 só aguantan dous integrantes

Mesmo espírito. "Seguimos para adiante e iso é o fundamental", fala Óscar Rodríguez, gaiteiro e segundo vocalista dos Rastreros. É certo que mudaron moitos nomes e caras da formación, a filosofía é exactamente a mesma. A canteira bravú dos Rastreros parece garantir que, aínda que a xente vaia marchando, as guitarras eléctricas, a batería e o baixo continúen soando moi alto.

Aínda así, Óscar aclara que toda a xente que foi pasando polo grupo "segue estando aí e van colaborar moito con nós". E, por suposto, a idea inicial dos Rastreros ten continuidade mesmo cando algúns dos seus novos integrantes aínda non naceran cando a banda xa se facía un oco eterno nese escenario tan característico coma o bravú, que reivindica o galego como idioma para o rock and roll, abordando temas propios de aquí.

Por suposto, a pandemia marca dende hai un ano o ritmo. Non hai festivais nin concertos e dificilmente poden quedar para ensaiar. Os Rastreros foron quen de estar en contacto a distancia e facer posible que o coronavirus non apagase o seu son.

"Temos a idea de xuntarnos en canto sexa posible para gravar algo nun estudio. No verán poderemos dar algún detalle máis", avanza Óscar. Pode que pronto haxa novidades dun dos grupos bravú por excelencia, que traballa para dar o relevo e que o espírito siga intacto entre as xeracións futuras.

David Saa Sánchez protagoniza o relevo do rock bravú en Chantada
Comentarios