Un río que nunca foi obstáculo

Unha barca atravesa o Miño. TOÑO PARGA

O Miño separa varios concellos e obriga a Chantada e O Saviñao a compartir Belesar, pero non impediu a comunicación dos veciños

BELESAR é un lugar curioso, comezando polo encoro ao que lle cede o nome. Á tan famosa coma inmensa presa construída durante o franquismo no río Miño déuselle este nome malia estar ubicada na parroquia de San Fiz, en Chantada.

As particularidades características deste lugar continúan pola súa beleza, que case pode dicirse que é obxectiva. Belesar foi obxecto de milleiros de referencias literarias. Unha das máis recentes é a da escritora Dolores Redondo, premio planeta pola súa novela Todo esto te daré.

O Miño desenvolve nesta zona da Ribeira Sacra o mesmo papel que ten o Danubio en Budapest ou o Douro en Oporto, pois divide Belesar en dous núcleos de poboación. Un pertence a Chantada e o outro, ao Saviñao. Estes dous municipios permanecen unidos polo paso do río, que nunca foi un obstáculo para a comunicación entre os veciños.

Na actualidade, as diversas pontes son a principal conexión entre unha beira e a outra do Miño. Camiñando, en bicicleta ou en coche, calquera pode cruzar sen problema desde a parte chantadesa á saviñá de Belesar, unha imaxe cada vez máis habitual agora que o turismo nesta parte do sur de Lugo está en auxe.

Houbo unha época en que as infraestruras non eran tan boas. Aínda así, o inxenio do rural sempre superou calquera tipo de obstáculos para levar a cabo a súa actividade cotiá.

As barcas eran as grandes aliadas dos veciños. Ata os primeiros anos do 1960 serviron para transportar xente, gando ou mercadorías e tamén para introducirse río adentro pescar.

Segundo teñen sinalado varios estudosos no tema, estas barcas eran resistentes e lonxevas. Podían aguantar 25 anos e levar cargas de ata 3.000 quilos. O ecomuseo de Arxeriz, que xestiona a fundación Xosé Soto de Fión no Saviñao, ten unha sala adicada a este medio de transporte que durante séculos serviu para que calquera persoa que tivera a súa residencia nunha aldea da ribeira do Miño, estivese no concello que estivese, non tivera problemas para desprazarse.

Eran de tal utilidade que ata chegaron a xerar emprego. Só na provincia de Lugo, seguindo o transcorrer do Miño desde Santa Isabel (Outeiro de Rei) ata Os Peares, ese núcleo que se reparten as provincias de Lugo e Ourense e catro concellos (Carballedo, Pantón, Nogueira de Ramuín e A Peroxa), había 22 barcas de paso. Eran plataformas cadradas onde agardaba un barqueiro para facer transportes dunha parte a outra do río. Por suposto, cobraba polos traslados.

Na Ribeira Sacra, desde Portomarín, había as de San Facundo, Portomeñe, Mourulle, Pincelo, Porto, Belesar, Sariña, Barciela, Sernande, Chouzán e Os Peares. Estes pasos eran propiedade da Igrexa ou a nobreza na Idade Media. Foi no 1866 cando se lles cedeu aos barqueiros, autónomos que tiñan que dispoñer dun permiso para explotar o cruce e respectar unha serie de normativas.

OFICIO PERDIDO. A construción de pontes e a instalación de encoros provocou que a profesión de barqueiro, como tantas outras no rural, desaparecera. Non así outros costumes ribeiraos. En épocas de vendima, O Saviñao e Chantada argallaron outro xeito de comunicarse, os aturuxos. Os chantadeses chamábanlles rabudos aos saviñaos, que respondían co termo papeiro. Rivalizaban para rematar antes a vendima. Cando unha beira do río acababa de recoller uva berraba e a outra respondía. "Ei papeiro", dicían no Saviñao. "Ei rabudo", era o aturuxo de Chantada.

A organización da feira do viño e as cereixas de Belesar decidiu facer desta tradición, que comezou cunha particular competitividade entre concellos, un motivo máis para achegarse ata o evento. O concurso de aturuxos trata de manter a esencia doutra época, cando cruzar dunha beira do río a outra non era tan sinxelo.