"O río Lor é un dos mellores de Galicia, pero é complicado"

O pescador monfortino David Rodríguez vén de gañar o campionato galego a agora vai polo de España, que se celebra en Asturias.
David Rodríguez, no establecemento que rexenta en Monforte. L.A.R.
photo_camera David Rodríguez, no establecemento que rexenta en Monforte. L.A.R.

Naceu a carón do río e sempre tivo moi presente a figura do pescador, afección que lle transmitiron o seu avó e o seu pai. Dende hai máis dunha década, o monfortino David Rodríguez compite nas máis importantes citas deste deporte, mantendo unha liña moi constante.

Vén de gañar o campionato autonómico de pesca.

Así é! A proba celebrouse no río Limia, en Bande, e esa primeira praza dáme acceso ao campionato nacional. Tamén gañei na Festa da Troita da Pontenova, que é unha data chave no calendario e cada ano ten máis repercusión. Hai xente de Monforte que leva 40 anos indo!

E dende hoxe mesmo está no campionato de España.

Si, comeza hoxe e imos catro participantes de Monforte: José Luis González, Manuel Iglesias, Alberto Salgado e eu. De aquí somos dúas das tres parellas que representan a Galicia, algo que me parece importante destacar.

Con que expectativas van?

Ao ser nun río do norte, o Piloña (Asturias), semellante aos nosos, e ao levar un bo equipo, no que ademais catro integrantes nos coñecemos moi ben e pescamos moito xuntos, o certo é que imos con moi boas expectativas.

Algunha cita máis que teña marcada no calendario?

Si, o día 1 de xuño marcho á Rioxa, ao campionato de España por equipos que se celebra nos ríos Najerilla, Neila e Urbión. A esta proba clasifiquei o ano pasado, tanto na modalidade de dúos como na individual.

Asturias, A Rioxa... esta afección failles visitar moitos lugares.

Percorremos bastantes zonas. O ano pasado estivemos polos Pireneos, en Huesca, e os campionatos nacionais leváronnos tamén a Asturias ou León.

E, na provincia de Lugo, que lugares prefire para pescar?

Hai moitas zonas boas, pero a min encántame o río Lor, no que pescamos moito. Tamén me fascinan o Neira e o Eo.

Din que no Lor xa non quedan troitas. É certo ou é un mito?

Todo o mundo se queixa. Eu teño unha tenda de pesca aquí en Monforte e escoito opinións de todo tipo. O certo é que é un río moi complicado: algún día vas e parece que está morto e outras veces dáche moita troita. Para min aínda ten bastantes, pero non como antes, claro. Na parte baixa, que leva dous anos con pesca sen morte, nótase moito a diferenza, pois hai moitísima troita. Así é o río Lor, que segue a ser un dos mellores de Galicia, tanto por bonito e limpo, como polas troitas, que son das máis bravas que hai na zona.

Cal diría que é o segredo para ser un bo pescador?

No eido da competición dependes do tramo de río, as condicións e a hora. Hai momentos nos que un tipo de cebo non serve e tes que cambialo canto antes, porque tes dúas horas e tes que coller o maior número de troitas posible. Tes que saber adaptarte a cada escenario e ter en conta todas as modalidades de pesca.

Fálenos do Club de Pesca de Monforte. Cal é a súa situación?

Actualmente somos 370 socios, con 150 licenzas federativas. Hai xente maior, pero cada vez noto tamén que os mozos se animan máis, á vez que outros retomaron esta afección tras a pandemia. Agora estamos a preparar unha homenaxe a Carlos Nogueiro, un dos fundadores do club, que nos deixou o ano pasado.

Comentarios