"Na Ribeira Sacra quedan aínda carballeiras e soutos"

Jorge de Vivero, gañador do premio Moncho do Pío, vive en Lugo, onde impartiu clase de Lingua e Literatura durante 37 anos. Foi candidato ao Senado, a alcaldía de Lugo e o Parlamento Europeo polos Verdes e ten publicados máis de 4.000 artigos en prensa e doce libros.

Jorge de Vivero, no parque Rosalía de Castro de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ (AEP)
photo_camera Jorge de Vivero, no parque Rosalía de Castro de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ (AEP)

Colaborador habitual de El Progreso, Jorge de Vivero (A Coruña, 1947) recibirá este sábado nunha comida o premio Moncho do Pío, que concede a adega Terras Bendaña.

Que sentiu cando lle comunicaron a condecoración?
Estou moi honrado, porque é un premio de tradición longa. Son o 21 dunha lista con xente moito máis selecta ca min. Gústame que o recoñecemento saia dunha comarca nosa. Son un namorado dos lugares, das viaxes e da natureza e a Ribeira Sacra é un dos meus territorios favoritos. Ten de todo, e de absoluta calidade.

Que é o que máis lle gusta da Ribeira Sacra?
Apaixóame a ornitoloxía e na Ribeira Sacra é moi habitual atopar nos encoros aves acuáticas, mentres que nos canóns abondan as rapaces, coma o falcón peregrino. Aínda así, desta comarca quedo coa mestura de arte e natureza, igrexas coma as de Nogueira, Santo Estevo, Pesqueiras ou Pantón. E, por suposto, cos viñedos coma o de Terras Bendaña, que concede o premio e é unha adega moi importante. A Ribeira Sacra é unha homenaxe ao que pode chegar a acadar o esforzo do ser humano.

Da Ribeira Sacra quedo coa mestura de arte e natureza

Fálenos do proxecto literario que está preparando na actualidade.
Fágoo da man dos fotógrafos Pepe Tejero e Roberto Díaz, cos que xa publiquei ‘Las puertas del Camino’. O noso novo libro chamarase ‘Recorriendo España’ e nel propoñemos un destino por provincia, quitando Ceuta e Melilla. Cada venres en El Progreso facemos un adianto dun capítulo ou dous.

Cando estará nas librarías?
A editorial, 60 Ráfagas, prevé que será no verán do ano que vén, aínda que non podemos concretar o mes. Hai fotos espectaculares e os textos, modestia aparte porque os escribo eu (ri), creo que tamén están bastante ben.

Que nota lle pon ao trato que lle damos á natureza?
Para estar contento con iso terían que cambiar moitas cousas. Prodúceme moita mágoa o pouco coidado e agarimo co que a tratamos, sobre todo en comparación cos países nórdicos e saxóns. A cultura urbana dos países latinos odia a natureza. Non me gusta ver A Mariña infestada de eucaliptos, que ata impiden ver o mar, ou a relación que temos cos animais salvaxes e domésticos. Póñolle un 3 e son xeneroso.

Fan falta árbores nas cidades?
Dende logo. En Lugo, onde vivo, remodélase o centro suprimíndose as poucas árbores que quedan. Fan explanadas cheas de cemento, inhóspitas en verán pola calor e en inverno polo frío. Deberían apostar por illas de natureza.

Como ve a Ribeira Sacra?
Non percibo tanto este problema. Quedan aínda carballeiras e soutos e non hai moito eucalipto. Non hai quen escape do piñeiro, iso si. É unha árbore madeireira, pero pobre esteticamente.

Que queda das políticas que defendían Os Verdes?
Partidos que defenden a natureza máis na forma que no fondo e con razón de ser política. Esa é a diferenza. Nos Verdes tiñamos a ecoloxía coma eixo central e logramos moito, coma a prohibición de cortar acivro nos Ancares.

Comentarios