Ribeira Sacra pacta pola paisaxe

O Pacto pola Paisaxe impulsado pola Xunta, Fegamp e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra une Lugo e Ourense co obxectivo de xestionar e ordenar a paisaxe dos 21 concellos que se integran nesta área paisaxística, con diferentes accións ao respecto dos valores dun enclave natural que busca o seu recoñecemento coma Ben Mundial.
Paisaxe da Ribeira Sacra, en Chantada. AEP
photo_camera Paisaxe da Ribeira Sacra, en Chantada.EP

O PRIMEIRO Pacto pola Paisaxe que une Lugo e Ourense, as dúas provincias interiores, foi impulsado nun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra coa finalidade de protexer, xestionar e ordenar a paisaxe que conforman os 21 concellos que se integran na Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) Ribeira Sacra.

O convenio de colaboración impulsará accións para velar polos valores naturais e patrimoniais que atesoura esta área de interese paisaxístico, resultado da fusión de dúas: a do Canón do Sil e do Canón do Miño. Implicará un orzamento de 550.000 euros.

Será financiado ao 100% pola Xunta de Galicia e xestionado polo Consorcio Ribeira Sacra (que aglutina a 21 concellos de Lugo e de Ourense. O consorcio tramitará os contratos, licenzas e autorizacións para promover a protección e mellora deste territorio. A Fegamp difundirá o pacto e realizará traballos de intermediario.

O paso seguinte será a elaboración dun documento técnico no que se recolla a programación de actuacións a executar e tamén para redactar o proxecto técnico das obras a executar nos anos 2021 e 2022. O Pacto pola Paisaxe da Ribeira Sacra é o segundo que se firma en Galicia, despois do de Cerdedo-Cotobade, e recolle actuacións iniciais, como a realización de murais e esgrafiados, a delimitación de itinerarios de interese paisaxístico, a organización de eventos culturais e de ocio, ou a organización dunha mostra itinerante sobre esta zona que percorrerá toda Galicia.

Entre as propostas iniciais inclúese a mellora de núcleos de grande interese arquitectónico, delimitación dos itinerarios paisaxísticos con valores panorámicos, e a celebración do Festival Máis Ribeira Sacra e de conferencias e xornadas documentais para a difusión deste Pacto, así como unha mostra itinerante para amosar a riqueza da Ribeira Sacra en toda Galicia, co Evento 1.100 anos San Estevo e a incorporación dos Mestres da Construción tradicional á Rede Nacional.

Doutra banda, dentro da medida de "actuacións na paisaxe" elabórase un Plan de Acción da Paisaxe para os itinerarios de interese paisaxístico de Chantada á Ponte Nova dos Peares, e entre Monforte de Lemos e o Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (no treito de Cristosende ao Mosteiro de Santo Estevo). Este plan de acción terá en conta as Directrices da Paisaxe e incluirá unha proposta de medidas para o mantemento, mellora, recuperación e rexeneración das paisaxes da Ribeira Sacra. Está orientado á correcta percepción da paisaxe dende os itinerarios de interese paisaxístico referidos.

Estas accións xa están en execución e suporán un investimento de 700.000 euros. O Pacto pola Paisaxe (550.000 euros para os anos 2020, 2021 e 2022) culminarase en 2022 e o Plan de Acción (150.000 euros) en 2021.

ACCIÓN ESTRATÉXICA. O Pacto pola Paisaxe constitúe un dos dez proxectos que integran o plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra, que puxo en marcha o goberno autonómico e está dotado cun orzamento de 3,5 millóns de euros. Representa unha estratexia de actuación ambiental e de ordenación do medio físico beneficiando a un total de 30 concellos.

Algúns dos proxectos están xa materializados, como a unificación das dúas áreas de especial interese paisaxístico nunha, a declaración da Área Integral da Ribeira Sacra e a convocatoria de axudas para a financiación de accións en materia de rehabilitación, e a recuperación dos espazos públicos grazas aos investimentos a cargo do Plan Urbe, con oito actuacións en senllos concellos da zona que suman un importe de 650.000 euros. No eido da ordenación, aparece o Plan de Ordenación do Medio Físico para San Fiz de Asma, no Concello de Chantada.

Este plan estratéxico tamén inclúe medidas para dar a coñecer o patrimonio natural que atesoura a Ribeira Sacra, polo que se traballa na posta en marcha da iniciativa Árbores con historia, unha nova ruta específica para esta zona que seguirá o esquema das tres rutas xa existentes -Santiago-Rías Baixas, Ourense Occidental e Ourense Oriental-, co fin de divulgar os elementos incluídos no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras, que se localizan na futura Reserva da Biosfera.

SOSTIBILIDADE. A Xunta defende a divulgación como ferramenta de protección e conservación, e impulsa medidas para protexer o patrimonio natural que permitan revitalizar o seu atractivo, con espazos naturais máis sostibles e compatibilizando a súa conservación co seu uso e desfrute.

Galicia atesoura paisaxes espectaculares e únicas, que na Ribeira Sacra se concentran nos incomparables canóns dos ríos Miño e Sil, un auténtico reclamo para o turismo sostible con capacidade de xerar emprego e riqueza, un aspecto clave no desenvolvemento económico de poboación local. Faise preciso fortalecer ferramentas de ordenación e protección do territorio de Ribeira Sacra, a definición dun instrumento de ordenación territorial do ámbito; a integración doutras iniciativas de protección dos valores naturais, e o desenvolvemento de accións en rehabilitación de vivenda.

En decembro de 2019 celebrouse o Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, que lle dou o visto bo á candidatura técnica da Reserva da Biosfera, e uns días despois dende a Xunta de Galicia remitiuse esta candidatura á Secretaría do Comité Español do Programa MAB da Unesco para a súa análise polo Comité Científico.

A Comisión Nacional do Programa en España posteriormente decidirá sobre a candidatura para a súa remisión ao Comité Internacional da Unesco en París, que é quen aprobaría a candidatura e declararía a Reserva da Biosfera en 2021.

Comentarios