"Ribeira Sacra non gustou a todos. Cadaquén quería o poste da luz para iluminar a súa finca"

José Mouriño Cuba é un dos pais da denominación de orixe Ribeira Sacra documenta no seu libro Ribeira Sacra. Origen y evolución de la Denominación de Calidad o proceso de revalorización e recuperación de viñedos na comarca
José Mouriño Cuba. AEP
photo_camera José Mouriño Cuba. AEP

FOI O responsable do equipo técnico que promoveu a recuperación de terreos para vides na Ribeira Sacra. José Mouriño Cuba fala no seu novo libro, financiado por Caixa Rural e os GDR da comarca e publicado por Belagua Ediciones, da forza dunha actividade agraria para salvar unha comarca.

É o seu libro sobre a Ribeira Sacra unha mostra da importancia do sector primario?

Sobre todo do relevante que é a transformación do sector primario. Se non existe non teremos valor engadido nin haberá evolución. Eu sempre poño o mesmo exemplo. Non serve de nada ter mecánicos se non hai tractores. Quen ten petróleo poténciao e o mesmo fai que ten ouro. Se o que temos é herba aí están as posibilidades de xerar riqueza nun país.

Que se atopará quen o lea?

Fala das orixes máis fondas da denomación de orixe, de como comezamos a recuperar viñedos e a instalar ou mellorar adegas. Cando se fala de denominación pénsase en algo case folclórico, pero debe servir para empurrar á industrialización e á transformación do sector primario.

Vostede acuñou o termo Ribeira Sacra. Como foi aquel proceso?

Xa se sabe que as vitorias teñen moitos padriños, ao contrario que as derrotas. En realidade aquilo foi grazas ao traballo de moita xente. O primeiro foi comprobar que nesta comarca había moita ribeira compartindo espazo con mosteiros e igrexas. Démoslle voltas e baseándonos en Otero Pedrayo ocorréusenos ribeira sagrada, pero queriamos un nome máis sonoro e curto. Así xurdiu Ribeira Sacra.

Que tal o recibiu entón a xente?

No seu día a idea non lle gustou a todo o mundo. Había quen protestaba e quen facía ver a súa protesta. Estamos a falar do ano 1992. Cadaquén demandaba o poste da luz para iluminar a súa finca, pero nós queriamos abarcar todo.

A súa transformación é moi importante, se ela non teremos ningún valor engadido

Os famosos localismos. Son o grande inimigo de Galicia?

Son un grande inimigo do mundo. O localismo mal interpretado, claro. Se estás preto dunha causa podes defendela mellor, pero rebasar o umbral é un paso cara á perdición. E Galicia ten tendencia ao localismo pola súa dispersión e distribución xeográfica.

Cre que na Ribeira Sacra iso está superado?

A idea de Ribeira Sacra serviu para unir as comarcas e as zonas. Os adegueiros traballan conxuntamente por unha idea de calidade. É un bo timón para evolucionar.

Que lle parece a candidatura a Patrimonio da Humanidade?

É unha gran potenciación, aínda que hai certos proxectos que penso que se tiveron que facer antes. Un exemplo son as comunicacións. Non falo de construír autopistas, senón de servizos que favorezan un turismo de calidade, axudar á xente a achegarse a aqueles elementos a potenciar. En todo caso, o Patrimonio da Humanidade ten que ser positivo, agás que non se saiba explotar. No noso enfoque inicial o detonante era o viño, pero non había límites. Por sorte víronse condicións para asocialo coa paisaxe ou co patrimonio.

A situación actual de pandemia pode ser unha oportunidade para os destinos coma Ribeira Sacra?

Nas crises hai moitos batacazos, pero poden xurdir oportunidades. Non só para a Ribeira Sacra, diría que para o medio rural galego en xeral. A xente primará moito a tranquilidade e á saúde.

Comentarios