sábado. 24.10.2020 |
El tiempo
sábado. 24.10.2020
El tiempo

BEGOÑA GONZÁLEZ AGUIAR | ARQUEÓLOGA

"Na Ribeira Sacra é difícil atopar petróglifos polos montes sen traballar, pero hai máis seguro"

Begoña González amosa un petróglifo durante unha ruta nocturna. EP
Begoña González amosa un petróglifo durante unha ruta nocturna. EP
Natural de Pantón e residente en Chantada, acaba de recibir da Facultade de Historia da Uned de Madrid o Premio Extraordinario polo seu currículo e a súa tese sobre petróglifos do suroeste de Lugo

EN XULLO, Begoña González Aguiar dirixiu por Sober unhas rutas nocturnas para ver petróglifos. Os gravados aparecidos neste e noutros concellos do suroeste lugués (Antas de Ulla, Taboada, Chantada, Carballedo, Pantón e O Saviñao) valéronlle un Premio Extraordinario e engordar así un currículo no que xa había un Cum Laude. Un dos seus proxectos de futuro é escribir un libro sobre os petróglifos desta zona de Galicia.

Para aqueles que non teñan nin idea, como explicaría que é un petróglifo?
Un gravado feito na prehistoria nunha rocha situada ao aire libre. Esa é a principal diferenza respecto a outros gravados prehistóricos, a súa exposición á natureza e ao clima. Está afectado pola choiva, o aire ou a terra que o tapa.

Sábese para que se empregaban?
Hai moita simboloxía, pero ao cen por cen non se sabe o que pretendían os nosos antepasados cos gravados. Pola localización das pedras, situadas en lugares importantes, si sabemos que marcaban algo. É coma se fosen unha especie de marcos.

Hai moitos en Galicia e na Ribeira Sacra comezan a verse tamén.  Hai máis dos que xa se coñecen?
Seguro que moitos máis, pero son difíciles de atopar porque atópanse nos montes e moitos deles están sen traballar. Os investigadores adoitan ir sobre todo pola zona de Pontevedra e tamén pola Coruña. Aquí non saen tanto á luz e o estado no que se atopa o monte non axuda. Aínda que cada vez ampliamos máis o terreo e na Ribeira Sacra comeza a haber unha importante presenza. Se buscamos aparecen, iso seguro.

A Ribeira Sacra é un destino que está, por dicilo dalgún xeito, de moda. Iso axuda?
Por suposto. Que estea de moda trae xente e investigadores. Aínda así, a pedra non vai aos despachos. Hai que facer un traballo de campo e limpar o monte.

Os petróglifos do suroeste de Lugo son máis abstractos ca noutras zonas de Galicia, presentan só liñas ou círculos

A súa tese fala dos petróglifos no suroeste da provincia de Lugo. Teñen algunha peculiaridade respecto aos doutras zonas de Galicia?
Os do interior, é dicir, os que están en dirección a Chantada desde a serra do Faro, teñen unha temática máis abstracta. Son só círculos e liñas. Cara ao Deza, por exemplo, vemos gravadas moitas armas. Na nosa zona non saíron petróglifos máis complexos. As lecturas que se fan son distintas en función de a quen lle preguntas. Hai quen pensa que hai que buscar máis e aparecerán, outros din que o petróglifo na nosa terra simplemente tiña un significado diferente.

Dirixiu este verán varias rutas nocturnas para ver petróglifos en Sober. Por que é mellor hora durante a noite para observalos?
Realmente sería ao amencer ou ao anoitecer. É pola luz, que está baixa e permite distinguir ben o relevo do petroglifo. A idea é que quen dirixe a ruta xogue a ser o sol e poña rasente a luz do foco.

Tiveron afluencia esas rutas?
Foron un éxito. Ata o punto de que tiven que duplicar as visitas pola demanda. Sobre todo gustoume que entre o público non había case ningún experto na materia. Ademais a maioría da xente era galega e sorprendeume ver moitos veciños de poboacións próximas a Sober. Gustoume percibir ese interese polo noso patrimonio.

Pode a pandemia favorecer no futuro ese tipo de turismo, máis específico e sen tanta masificación?
Son das que pensa que si. É un bo momento para apostar polo turismo de calidade. E isto non debe ser só un discurso. Esa idea de que haxa poucas persoas e de que unha actividade sexa ao aire libre fai que á xente lle preste moito máis a visita e se sinta mellor e máis cómoda que co turismo de masas. Ademais é importante contar, como pasa na Ribeira Sacra, con persoas cualificadas que permitan aprender ao mesmo tempo que un pasa un bo anaco.

"Na Ribeira Sacra é difícil atopar petróglifos polos montes sen...
Comentarios