Os restos de Uxío Novoneyra repousan no Courel, despois de 22 anos en Lugo

O cemiterio municipal de San Froilán acolleu este venres un acto de despedida ao poeta da Montaña, que foi trasladado a súa casa natal, onde houbo outro acto

Os restos de Uxío Novoneyra xa descansa na súa casa natal no Courel. O traslado comezou este venres pola mañá co que ía ser un acto familiar no camposanto da capital lucense, onde o poeta levaba soterrado desde outubro de 1999, convertido nunha pública homenaxe á súa figura, con máis de cen asistentes, o que agradeceu a familia.

A súa viúva, Elba Rei, que leu un poema adicado a Lugo da derradeira obra do escritor, Ámeto mítico, salientou que o seu marido fixera "o camiño vital do Courel a Compostela" e agora tocoulle facer o de volta, de Lugo, onde os seus restos repousaron 22 anos no cemiterio de San Froilán, á súa casa natal, onde descansarán definitivamente no seu horto.

A súa familia e achegados tamén celebraron tamén no Courel un emotivo acto.  Elba Rei dixo no camposanto de San Froilán que Lugo, onde tamén viviu Uxío Novoneyra, foi unha cidade "moi querida" polo poeta.

Logo de 22 anos no camposanto de San Froilán en Lugo, os restos de Uxío Novoneyra repousan no horto da súa casa natal no Courel

A directora do grupo de teatro Achádego, Tareixa Campo, leu un poema de Os Eidos e a escritora e xornalista de El Progreso, Nieves Neira, outro de Ámeto mítico.

Neste acto, ao que asistiron entre outros, representantes de todos os partidos políticos da corporación municipal de Lugo e a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, un gaiteiro interpretou o Himno Galego, que foi cantado polos presentes.

Comentarios