Rescatan unha sendeirista que sufriu unha indisposición en Folgoso do Courel

A muller tivo que ser atendida polos servizos sanitarios
Una ambulancia del 061. ARCHIVO
photo_camera Unha ambulancia do 061. ARQUIVO

Pasados dez minutos das doce e media deste mediodía, o 112 Galicia puxo en marcha un operativo de rescate para unha muller que sufrira unha indisposición cando facía unha ruta de sendeirismo, en Folgoso do Courel.

Foi un particular quen, a esa hora, contactou co 112 para indicar que se atopaban facendo a Ruta da Devesa da Rogueira, a tres quilómetros aproximadamente do punto de partida, en Aula da Natureza de Moreda. Comunicaba as dificultades para acceder á persoa,  ademais, relataba que ningún vehículo podería acceder e que só sería posible baixar á afectada nunha padiola.

Tras pasar o aviso aos profesionais sanitarios, indicaron que, debido ás dificultades do tramo, a ambulancia agardaríaos a uns sete quilómetros aproximadamente.

Tamén formaron parte do operativo, a Garda Civil, os Bombeiros de Monforte, o GES de Quiroga e os efectivos de Protección Civil de Folgoso.

Con todo, a muller, tras recuperar un pouquiño o seu estado de saúde e coa axuda dos acompañantes, conseguiu poñerse en pé e baixar o tramo, ata atoparse cos efectivos de Protección Civil que procedían a subir o  sendeiro para axudar á muller.

Así, tras localizar á paciente, foi levada ata o vehículo que os efectivos de emerxencias desprazaron ao punto para trasladala ata onde a agardaba a ambulancia.