O reitor da USC, Antonio López, será o pregoeiro do Festival do Viño da Ribeira Sacra

Nado en Barreiros en 1964, o Concello de Monforte propúxolle ser a voz do evento, que comezará o vindeiro venres, día 1 de xullo
Antonio López, rector de la USC. AEP
photo_camera Antonio López foi reelixido este ano coma reitor da USC. AEP

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, será o pregoeiro do cuarto Festival do Viño da Ribeira Sacra, que terá lugar no Paseo do Malecón de Monforte e comezará o vindeiro venres, día 1 de xullo. Nel participarán un total de 27 adegas, o número máis alto de todas as edicións celebradas ata agora.

O alcalde, José Tomé, destacou a aposta por Antonio López "por ser o reitor da universidade máis importante de Galicia, á que pertence o Campus Terra de Lugo, lucense e pola súa aposta firme pola nosa provincia". O rexedor monfortino amosou a súa satisfacción por que López aceptara ser o pregoeiro do evento, que será inaugurado nun acto que comezará ás 19.00 horas coa actuación do grupo Donaire.

TRACECTORIA. Nado en Barreiros en 1964, Antonio López é catedrático de Dereito Financeiro e Tributario pola USC, que o nomeou reitor o 5 de xuño de 2018. Tamén foi de 2007 a 2014 conselleiro do Consello de Contas de Galicia, institución na que exerceu como Conselleiro Maior e responsable da Área de Corporacións Locais.

Igualmente desenvolveuse coma vicerreitor de Coordinación do Campus de Compostela e Vicerreitor de Xestión de Infraestruturas da USC, decano da facultade de Dereito de Santiago, director do departamento de Dereito Público Especial da USC e secretario da Comisión de Doutorado da USC, universidade que o distinguiu coa súa insignia de ouro.

Durante a súa traxectoria elaborou numerosas publicacións relacionadas coa súa área de coñecemento, tanto monografías coma artigos en revistas especializadas. Son de resaltar os seus estudos en cuestións referidas a procedementos tributarios, especialmente recadación, e as súas investigacións en materia de financiamento autonómico e local e gasto público e o seu control.

A formación de Antonio López completouse con estancias en universidades europeas (Bolonia) e latinoamericanas (Sao Paulo e Montevideo) e no campo da investigación encabezou numerosos proxectos, convenios e contratos con empresas e institucións. Tamén é membro da Asociación Española de Profesores de Dereito Financeiro, a Asociación Española de Asesores Fiscais, a Asociación Española de Dereito Financia e a Europe Asociation of Tax Law Professors.

Comentarios