miércoles. 01.12.2021 |
El tiempo
miércoles. 01.12.2021
El tiempo

Refuxio no paraíso

As instalacións de Sete Outeiros foron acondicionadas con traballo voluntario. S.O
As instalacións de Sete Outeiros foron acondicionadas con traballo voluntario. S.O
Sete Outeiros ofrece ás persoas trans e queer a oportunidade de desconectar do mundo e reconectar con elas mesmas

No berce da Ribeira Sacra lucense, nunha contorna única rodeada de sete pequenas montañas, funciona un espazo pensado para o colectivo LGTBI e no que as persoas que queren iniciar un proceso de transición de xénero atopan apoio e empatía nese camiño tan difícil. Xácia Ceive é a impulsora deste proxecto chamado Sete Outeiros que, como indica, "está aberto especialmente ás partes do colectivo máis marxinais, as persoas trans e queer".

Sete Outeiros é froito das circunstancias persoais da propia Xácia pero, especialmente, do desexo de acompañar ás persoas trans en procesos complicados, de darlles un refuxio, un lugar no que ser escoitadas e coidadas. 

De orixe norteamericana, ela chegou á Ribeira Sacra despois de percorrer outras partes do mundo. Asentouse nestas terras porque atopou o seu lugar e fíxose cunha pequena propiedade nunha contorna deshabitada, rodeada de sete outeiros (de onde toma o nome o proxecto).

Explica que arribou na Ribeira Sacra no medio "dunha fuxida dun mundo e dunha situación moi conservadora e tránsfoba".

Dende o primeiro instante, pensou en crear un lugar que puidera ser usado por outra xente como punto de desconexión con todo o demais, pero de conexión consigo mesma e, case de xeito automático, "nun momento da miña vida no que precisaba rodearme de persoas coas que me atopase máis segura marquei que en Sete Outeiros só se aceptarían voluntariedades LGTBI", engade. "Aí percibín que, sen ser consciente estaba a crear un espazo que se precisaba moito, que había moita falta", apunta.

O espazo quere chegar tamén ás persoas máis desfavorecidas do colectivo LGTBI, coma os inmigrantes

Sete Outeiros foi medrando co traballo das "voluntariedades" que axudaron a crear unhas instalacións confortables, a limpar terreos, a colocar madeira, poñer teitos... 

O verán que acaba de rematar foi "moi lindo" porque foi o primeiro no que a maioría das persoas que se achegaron ao refuxio eran trans. Segundo Xácia: "Creouse un ambiente de entendemento mutuo e profundo para un dos coletivos máis marxinais da nosa sociedade. Fixéronse novas amizades, novas experiencias e adquiriron novas habilidades: na carpintaría, na xestión de emocións e na cociña... por exemplo".

EN PRIMEIRA PERSOA. Unha das persoas que estivo este verán en Sete Outeiros, que prefire non facer pública a súa identidade, insiste no "papel facilitador" do espazo. "Estás con persoas que teñen as mesmas intencións e situacións. Vives unha tempada lonxe da sociedade, sen internet... É un proceso curativo", conta.

"A contorna permíteche empatar coa natureza, coas súas normas, ver un tipo de ocio que non é o convencional con outros ritmos e outros tempos", engade.

Durante as estancias pódese aprender cociña, carpintaría e outras habilidades e coñecer a contorna

En Sete Outeiros tamén se pode afondar en habilidades ou disciplinas diferentes. "No meu caso interesoume a carpintaría, puiden traballar e levar unhas nocións básicas do oficio, ademais de botar unha man na mellora das instalacións. A miña intención é regresar na vindeira tempada", conclúe.

As persoas que xa pasaron por Sete Outeiros valoran a contorna, pero tamén os coidados recibidos e a oportunidade de atoparse nun sitio seguro no que son mecadas. "A maioría voltan o ano seguinte e iso é especialmente lindo", di Xácia.

A reflexión de Xácia para aqueles que afrontan unha transición ou que pasan un tempo en Sete Outeiros é que "a sociedade aínda ten moito que reconstruír. Está comezando a entender que existimos e a respectarnos. Dentro dese respecto, toda a nosa lingua, maneira de pensar e cultura está afectada pola maneira en que o mundo intentou borrar a nosa existencia. A vida na sociedade aínda non é fácil, pero axuda buscar amizades trans, non hai que ficar na soidade. Para os que gocen da natureza está Sete Outeiros, para os que gosten doutros ambientes está a asociación trans de Galicia, Amizando. Os comezos son difíciles, pero todo mellora".

Sete Outeiros é un lugar moi illado, aínda que hai veciños a un quilómetro cos que a convivencia é boa

A COMUNIDADE. Xácia Ceive sempre matiza que prefire usar o termo espazo na natureza ca rural para referirse a Sete Outeiros porque en realidade non están en ningunha aldea. O illamento é unha das grandes vantaxes do proxecto porque "serve coma un escape dos ollos da sociedade cis-hetero-normativo, dos xuízos que limitan o noso sentido de poder sermos nós plenamente", di.

Con todo, a pouco máis dun quilómetro sí que hai veciños cos que hai unha boa relación "son xente moi acolledora. Por moito que o odio está a medrar de novo no estado español, teño a esperanza de que o espírito da verdadeira cultura galega de vivir e deixar vivir vai superar as tentacións de caer en discursos de división e odio", engade.

VINDEIROS MESES. Coa chegada do outono o espazo físico de Sete Outeiros pecha as súas portas e a comunidade creada traballa noutros proxectos coma no terceiro número do seu "tranzine". O primeiro levaba por título a Linguagem alem do binário; o segundo, O que fazer com género, orientado para o movemento feminista galego, e o terceiro será Transfobia nom é o que pensas.

No inverno pecha as portas, pero a comunidade prepara novas publicacións e iniciativas

A posta en marcha de Sete Outeiros foi dura porque nunca é sinxelo establecerse nun lugar tan illado. Precisouse da colaboración de moitas persoas e de moito traballo na sombra, pero pódese dicir que este verán botou definitivamente a rodar.

O reto da comunidade é agora seguir adiante e preparar novos eventos, acondicionar campamentos e chegar ás partes do colectivo que peor o están a pasar. É o caso dos migrantes trans, cos que comezaran a traballar cando chegou a pandemia.

MÁIS PERSOAL
O nome
► Xácia é un nome moi vinculado á Ribeira Sacra. As xacias son seres da mitoloxía galega con metade do corpo de serea. Hai moitas lendas sobre a súa existencia nas augas do Miño.
► Ceive "representa o mellor dunha transición. Por fin estar libre, construír a miña vida como ten sentido construíla, dende a liberdade", apunta Xácia.

Escritora
► Aqueduct Press (Seattle) publicou a primera novela de Xácia, titulada Raven nothing, cunha protagonista adolescente e trans, o ano pasado.
► Agora ten outro manuscrito preparado e xa ten en mente unha terceira obra.
► Tamén quere sacar unha edición de Raven nothing en galego portugués. 

Femforte
► É a presidenta da asociación feminista de Monforte dende pouco antes do inicio da pandemia. O covid obrigou á directiva a mudar de plans.
► Tiveron que cancelar convocatorias, aínda que lograron manter o último 8-M cunha concentración adaptada ao covid. Tamén organizaron algunhas cousas nos institutos.
► O seu desexo é "manter o lume aceso ata cando a enerxía poida medrar de novo".

Sete Outeiros
► "Para min foi unha honra acompañar a dúas persoas que decidiron comezar unha transición no noso espazo", conclúe Xácia.

Refuxio no paraíso
Comentarios