miércoles. 14.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 14.04.2021
El tiempo

Raquel Figueiras: "Pásame como a Borges. Se podo dicir algo en poucas páxinas non quero usar 400"

Raquel Figueiras. S.E.P
Raquel Figueiras. S.E.P.
O auditorio municipal de Chantada acolleu este sábado a presentación do seu libro ‘La piel del ciruelo’, co que a autora chantadesa aparca a poesía para apostar polo relato curto

Escritora, escultora e pintora, a polifacética Raquel Figueiras cre que hai moitos xeitos de aproveitar a arte para transmitir. Co seu novo libro, La piel del ciruelo, aparca a poesía, o seu xénero habitual, e adéntrase no relato curto. Onte, a escritora, que vive a cabalo de Chantada e Madrid, presentou a súa obra no auditorio municipal da vila do Asma acompañada dos tamén escritores Rafa Lobelle e Alberto Lema. 

'La piel del ciruelo' supón logo unha estrea nun xénero. 
Os meus anteriores libros, este é o quinto, son de poesía e tamén participei en varias obras colectivas e algunha antoloxía. ‘La piel del ciruelo’ son relatos curtos, porque creo que me pasa como a Borges. Se podo dicir algo en poucas páxinas prefiro non empregar 400. 

Que se van atopar os lectores? 
Abre cunha cita de Houellebecq, do seu libro Ampliación del campo de batalla, que é unha invitación a adentrarse nestas páxinas e na atmosfera referencial na que discorre a existencia de cadaquén. Para min autorreferencial non é o mesmo que autobiográfico. O segundo é un relato que constata un feito e o primeiro, a atmósfera que nos envolve e que a literatura fai permeable. Hai, pois, escenarios relacionados coa infancia e co pasado. A obra dun autor está ligada ao cosmos que o envolve. 

Por que decidiu cambiar de xénero e aparcar a poesía? 
Calquera expresión artística pode recorrer moitos ámbitos. Comecei coa pintura e a poesía e agora estoulle dando tamén á escultura ao tempo que probo co relato curto. Cando alguén está no mundo sinte desexos de expresar e isto pódese facer de moitos xeitos. O cambio foi un feito natural, pero ao mellor volvo á poesía. 

Onde pode atoparse 'La piel del ciruelo'? 
Na web arrebatolibros.com e tamén na libraría que esta editorial ten en Malasaña (Madrid). La piel del ciruelo está editado baixo o selo de Arranca, paralelo a Arrebato e que nace para dar saída á poesía ou aos relatos curtos de escritores noveis. Tamén se pode localizar na Casa do Libro, en plataformas como Amazon ou na libraría Central, en Chantada. 

Coa pandemia que estamos a vivir, é a literatura un refuxio? 
É unha época na que temos que volver sobre nós. Vai haber un cambio de paradigma parecido ao que viviu a arte despois da Segunda Guerra Mundial. Non se pode ignorar o sucedido. No confinamento, a xente traballou moitas expresións artísticas baseándose na falta de liberdade polo virus.

Raquel Figueiras: "Pásame como a Borges. Se podo dicir algo en...
Comentarios