Quiroga, entre os mellores centros nas probas Abau

Cun 7,529, o instituto obtivo a terceira nota media máis alta de Galicia na fase xeral e é o primero da provincia en sobresaíntes
De esquerda a dereita, Manuel, Icía, Ruth, Nuria e Sandra
photo_camera De esquerda a dereita, Manuel, Icía, Ruth, Nuria e Sandra

O Instituto de Ensinanza Secundaria de Quiroga obtivo a terceira mellor nota media de Galicia na fase xeral da Abau (proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade) con un 7,529. En total, presentáronse sete estudantes do centro, todos aprobaron e, ademais, catro deles (Ruth Macía, Icía Marcos, Nuria Ramos e Arnau Visuña) lograron unha nota de sobresaínte.

A maiores, o de Quiroga ocupa o primeiro lugar na clasificación provincial de centros con un maior índice de estudantes con sobresaínte, con un 57%.

SOBRESAÍNTES. Arnau Visuña Costa é un deses catro alumnos de ‘supernotas’. Este rapaz de Folgoso do Courel sacou un 9,358 na fase xeral da Abau que subiu ata o 12,908 nas ponderacións. O curioso é que Arnau non vai facer unha carreira universitaria pero iso non significa que non teña por diante un futuro prometedor.

"Vou seguir cos estudos de Música en Barcelona, pero fixe a Abau por ter n plan B para o futuro", di Arnau Visuña 

Arnau Visuña
Arnau Visuña

"Empecei de cativo no conservatorio Mestre Ibáñez de Monforte. Toco o piano e agora estou facendo o Grao Profesional. En setembro marcho a Barcelona para rematar este grao e, se todo vai ben, seguir co Grao Superior de Música para especializarme en composición", argumenta. "En Barcelona hai moi bos conservatorios e tamén teño familia", engade.

Para Arnau (que estes días está de viaxe en Londres) a música é parte imprescindible da súa vida e foi a Abau por se precisa un plan B. "O título de Bacharelato é importante e, rematado o curso, fixen a Abau por ter un colchón. Se me vai mal na música ou me arrepinto, sempre podo facer unha carreira", suliña. Sobre os exames di que o de Lingua Castelá foi longo e complicado e o de Galego, que pensou que suspendía, deulle unhas das mellores nota.

Icía Marcos García tamén é de sobresaínte. Quere estudar Física "polas aplicacións que ten e por como explica o que pasa arredor noso". Ten un 9,240 na proba xeral e chegou a un 12,840 coas ponderacións. Ademais, levou o premio do Clúster da Pizarra porque a súa media de Bacharelado foi de Matrícula de Honra.

"Son unha rapaza normal, estudo e fago deporte e agardo cursar a carreira de Física en Santiago", di Icía Marcos

Pese aos número, di que leva unha vida normal, combina os estudos co taekwondo no club Neka de Monforte e di que segundo de BAC "é un curso complexo pola presión da Abau, pero ao fin, é un exame coma outro calquera". Agora está feliz de que a súa nota lle permita formarse "en Galicia e en galego".

Ruth Macía Ureña forma parte deses catro alumnos coa maior calificación do instituto quirogués. Acadou un 9,146 na fase xeral e chegou ata o 12,89 coas ponderacións. Di que a Abau lle foi "mellor do esperado. Centreime moito en Historia, porque lle tiña medo, no resto fixen un repaso xeral".

"Quero estudar Biotecnoloxía na USC porque me abre as portas aos diagnósticos e á investigación", engade Ruth Macía

De primeiras, a Ruth gustáballe a idea de estudar Medicina, pero "sabía que a nota non me daba para quedar en Galicia, que tería que ir ao País Vasco ou Barcelona e non me gusta esa idea". Por iso pensou noutras alternativas vinculadas ao diagnóstico e a investigación e solicitou Biotecnoloxía, Química e Farmacia, anque agarda entrar na primera das opcións. Asegura esta moza que foi máis duro primeiro ca segundo de BAC e está contenta por ter estudado no IES de Quiroga "onde ao ser poucos a ensinanza é moi personalizada".

Arriba de esquerda a dereita, Ruth, Sandra e Icía. Abaixo, Nuria e Manuel. A.RODIL
Arriba de esquerda a dereita, Ruth, Sandra e Icía. Abaixo, Nuria e Manuel. A.RODIL

A súa compañeira Nuria Ramos dos Anxos obtivo un 9 na fase xeral que subiu ata o 13,116 na ponderada. Amante da lectura, do origami, dos podcast e das miniaturas, estudará Filosofía na USC e non debería ter problemas para entrar. Coa súa nota podería aspirar a case calquera carreira, pero asegura que dende primeiro de BAC ten claro que quere Filosofía e que no futuro se quere adicar á docencia ou a escribir. Agradece que a súa xente sempre respetara a su escolla e ninguén a presionase para optar a unha carreira "das que din que teñen máis saída".

"Estudarei Filosofía e agradezo que a miña xente me apie niso e non me presione para que faga outra carreira das que din que teñen máis saída", apunta Nuria Ramos

Esta moza naceu en Campodola, unha aldea con moi poucos veciños, e hai uns anos mudouse a Quiroga. "Iso xa foi un cambio grande, agora vou a Santiago, que será tamén outro cambio, pero é unha cidade que me gusta, que mantén un tamaño axeitado, non é uha gran urbe", reflexiona. Para ela tamén é importante quedar en Galicia e "estudar na miña lingua, en galego".

RETO CUMPRIDO. Os outros tres alumnos do IES de Quiroga tamén lograron os seus obxectivos. Manuel Fernández López acadou un 8,934 na xeral que se converte nun 12,234 coas ponderacións. Di que lle foi "mellor do esperado nas probas" e que confía estudar Traballo Social en Ourense. No futuro gustaríalles traballar no ámbito dos Servizos Sociais municipais

"No futuro, quero adicarme profesionalmente aos Servicios Sociais Municipais", engade Manuel Gómez


Asegura este mozo que segundo de BAC pasa voando e que é un chisco caótico pero que "ao final todo vai saíndo".

Sandra Pérez Montenegro comeza hoxe mesmo a traballar nos campamentos de verán de Quiroga "porque para o curso próximo en Santiago seguro que aumentan os gastos", apunta previsora. Descansou o xusto para coller folgos despois da Abau, pero é unha todoterreo con un forte espírito de axuda aos demais, a xulgar polas carreiras que escolleu.

Sandra Pérez explica que quere "facer Pedagoxía, barallei ir a Palma, nas Baleares, cos meus tíos, pero prefiro quedar en Galicia"


Esta moza obtivo un 7,104 na fase xeral que subiu ata o 9,604 no total. Con esa nota non debería ter problema para estudar Pedagoxía e, se non pode ser, Educación Social. Todas estas opcións son para Galicia. "Tamén barallei ir Palma, nas Baleares, onde están os meus tío, pero prefiro quedar en Galicia".

Sandra é unha rapaza de letras e, coma moitas das súas compañeiras, asegura que é máis complicado primero de BAC ca segundo. Cando tivo que desprezarse á Rúa (onde o alumnos de Quiroga fan as probas da Abau), recoñece que ía nerviosa, pero todo se foi tranquilizando segundo pasaron os primeiros exames.

O soño de Isai Lemos sempre foi estudar Aquitectura pero tivo que aplicarse moito para acabar o curso e a Abau con éxito

A lista dos sete rapaces que resolveron con éxito as probas da Abau queda completa con Isai Lemos Soto. Este quirogués ten un 4,7 na parte xeral que subiu ata o 9,46 coas ponderacións. Suficiente, asegura, para estudar Arquitectura na Coruña, que é o seu soño dende cativo.

Recoñece que el é o menos aplicado dos compañeiros e que a Abau lle saiu "mejor de lo esperado". "Fui un estudiante regular durante el curso y me tuve que poner las pilas en el último trimestre para salvar los muebles". Añade que "las lenguas siempre fui a remolque, de hecho, el examen de Galego lo suspendí". Pero en Matemáticas foille moi ben e os seus  compañieros suliñan que, amaiores, é moi bo en Debuxo Técnico, polo que, se quere, pode facelo ben en Arquitectura. A Isai sorprendeulle tanto o resultado da Abau que leva días de celebracións, por tiso tampouco está na foto de grupo.

Un grupo bastante homoxéneo «con cuatro cracks»
Quiroga case sempre tivo algún alumno destacado na Abau, pero o director do centro, Fabio Mascareñas explica que a diferenza deste ano é que "el grupo es bastante homogéneo y que hay cuatro cracks que tiran mucho de las notas hacia arriba".
Poucos alumnos
Este ano en segundo de BAC había 11 alumnos e foron 7 á Abau. O director deséxalles moito éxito a todos no futuro. "Aquí en Quiroga al ser pocos están muy protegidos, ahora les toca volar", engade. Os alumnos valoran ter estudado nun centro así e o director matiza que hai que traballar con moita previsión para dar aos estudantes o que precisan. "En primero de BAC ya tienen que tener una idea clara de lo que quieren estudiar para que nosotros nos podamos pelear con la Xunta de Galicia para tener las optativas que les encajan. En la batalla de los centros pequeños", conclúe. 

Comentarios