lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Quiroga coloca letras xigantes de benvida nunha das súas entradas

As letras instaladas nunha das entradas de Quiroga. C.J. GONZÁLEZ
As letras instaladas nunha das entradas de Quiroga. C.J. GONZÁLEZ

O Concello súmase a esta tendencia para dar a benvida a veciños e visitantes

As persoas que entren á vila de Quiroga pola primeira entrada dende a Nacional 120 procedentes de Monforte e mais os usuarios do Parque da Constitución atoparanse  coas novas letras de benvida de gran tamaño que instalou recentemente o Concello neste lugar.

As letras teñen unha altura aproximada de un metro e a composición ocupa uns oito metros de ancho. Están fabricadas de formigón e son de cor branca. Pola noite ilumínanse grazas a unha instalación de luces led pola parte traseira. A carón das letras colocouse tamén un acio de uvas, para simbolizar un dos produtos estrela de Quiroga: o viño. No outro lado plantouse unha oliveira, que faría referencia ao aceite, outro dos produtos do municipio.

Ademais da evidente información que aportan estas letras sobre o lugar que se está a visitar, esta pode converterse nunha importante forma de publicidade gratuíta, pois os turistas e visitantes adoitan fotografarse con estes letreiros e máis tarde colgar as imaxes nas súas redes sociais.

Así, Quiroga súmase a unha tendencia xa moi estendida noutras cidades e vilas de toda Europa. Recentemente, a cidade de Lugo instalou letras xigantes en dúas rotondas. Neste caso son de cor vermella, a corporativa do Concello.

Ao longo da provincia atopamos máis casos: nalgúns lugares, como Cospeito, optaron por modelar uns arbustos de forma que se poida ler o nome da vila, aínda que é unha opción sinxela require moito mantemento; en Guitiriz e en O Valadouro elaboraron composicións de pedra sobre zonas axardinadas. En Foz, na Mariña, instalaron un letreiro de grandes dimensións, ao puro estilo Hollywood, formado por unhas letras de máis de oito metros

Quiroga coloca letras xigantes de benvida nunha das súas entradas
Comentarios