"Quero recuperar os topónimos do Courel e xa teño uns 800 de Froxán"

De neno non perdía detalle das historias da seitura en Castela ou da emigración en América. Evaristo Méndez Vila di que escoitar os vellos era a maneira de aprender. Con ese espíritu traballa agora, para que a súa xeración non sexa a última en mallar, pisar a castaña ou serrar madeira ao xeito do Courel.
Evaristo Méndez Vila. AEP
photo_camera Evaristo Méndez Vila. AEP

Evaristo Méndez conta que moito lle gustaba escoitar a un veciño que no 1905 se meteu de polizón nun barco en Vigo e chegou un mes despois a Panamá. Alí traballou na construción da canle entre océanos. Despois foi buscar ouro a Alaska e volveu desde aló cunha gramola. As conversas con este home e con moitos outros avivaron a curiosidade dun neno que sabía escoitar e aprendeu a valorar a sabiduría popular.

A tempada da Fonte do Milagro comezou mal, coa cancelación da festa da pisa da castaña e da mostra de serra de madeira. Haberá novas datas?
A serra pódese organizar de cara á primavera se a situación sanitaria o permite, pero a pisa ten que quedar para o ano porque depende do ciclo da castaña e non hai maneira de facela fóra do seu tempo.

Tamén organizaban un encontro de artesáns en xuño. Hai previsión de mantelo?
Estamos pendentes da evolución da pandemia. Gustaríanos organizar todo coma sempre, pero a saúde está por riba da festa e non imos correr riscos. Só se celebrará o que sexa seguro, dependendo das circunstancias do momento.

Hai algo previsto a curto prazo?
Inmediato nada. Sempre nos reunimos en xaneiro para facer o calendario de actividades para o ano. Aínda non mantivemos ese encontro, estamos á espera de ver a evolución, pero terémolo en breve, aínda que sexa telefónico, para estudar o que se pode facer. Por exemplo, as actividades ao aire libre é máis fácil mantelas e nós organizamos moitas camiñadas.

Recuperamos as máscaras tradicionais do Entroido e se é posible queremos que este ano volvan percorrer as aldeas

E teñen éxito?
Moito. Facemos rutas guiadas ata sitios que é difícil chegar se non coñeces a zona. Ese é o atractivo. E tamén paseos nocturnos. Tivemos que limitar as prazas porque a actividade tiña tanta aceptación que xuntabamos 150 persoas e un grupo así, de noite e pola montaña, é ingobernable.

A pandemia axudou a valorar os espazos naturais. Hai moitos ollos postos no Courel ultimamente.
Está en auxe. A paisaxe, o xeoparque, a situación sanitaria... Notouse moito. A xente está ansiosa de aire libre, desexando saír. Iso é bo para o Courel, tanto para os que teñen negocios como para o resto, favorece a todo o mundo. Ademais, o turismo de montaña soe ser respectuoso. Hai 20 anos na Rogueira podías atopar papeis ou botellas tirados. Hoxe non. Eu vivo en Froxán, un lugar moi visitado, e a xente que vén sabe comportarse.

Logo vén o Entroido. Tamén empezaran a traballar niso.
Hai dous anos, xusto antes de empezar a pandemia, fixemos obradoiros cos rapaces para recuperar as máscaras tradicionais do Courel. Facíanse con pelexo curtido e con materiais que había por aquí. Só por ver a cara de felicidade da xente de 90 anos cando as viu xa compensou o esforzo.

E como recuperaron as máscaras?
Hai fotos dos anos 50 ou 60 e tamén xente con moi boa memoria que se acorda delas.

Vaise poder celebrar o Entroido tradicional este ano?
Intentaremos facelo. Tal vez non poida ser unha festa conxunta, pero si podemos facer varios grupos con poucas persoas para ir polas aldeas. O habitual no Courel era que as máscaras foran polas casas o domingo, o luns e o martes de Entroido.

Ten entre mans algún proxecto novo?
Teño unha proposta na que me gustaría implicar os membros da asociación Fonte do Milagro e mesmo o Concello. Quero recuperar a toponimia do Courel, aproveitando que temos socios de moitos lugares. A intención é documentar os nomes das casas, dos lugares, dos camiños... para que non se perdan. Hai que consultar cos maiores e aproveitar a súa memoria. Ademais, a Xunta ten a disposición a páxina Galicia Nomeada, onde podes ir apuntando os topónimos nun mapa dixital. Eu xa teño identificados 300 nomes só de Froxán e teño recollido material para chegar aos 800.

Sempre é a mesma dinámica de traballo: aproveitar o saber dos maiores para formar os novos.
A sorte é que polo illamento o Courel mantivo tradicións ata tarde. A miña xeración aínda as viviu, pero do 80 para aquí non. Intentamos formar xente nova e xa o ano pasado os rapaces puideron facer a pisa sós. Pero ese pracer de escoitar falar os maiores e aprender deles xa non o van ver, por iso son importantes as festas de recuperación.

E de momento teñen bos patróns para dirixilas.
Si. As primeiras veces que se fixo a seitura e a malla, a pisa ou as demostracións de serra da madeira foron os maiores os que o fixeron. Non era unha recreación, era unha demostración feita por xente que sabía. Hoxe xa o facemos nós, pero porque puidemos aprender deles.

Comentarios