"Quero dar o relevo logo de catro anos e medio. Non é bo que a xente se perpetúe nos cargos"

A piques de chegar aos cinco anos á fronte da asociación de empresarios e o Centro Comercial Aberto (CCA) de Chantada, Néstor Quiroga di estar desexoso de que se produza un cambio nun cargo que define coma de responsabilidade, desinteresado e, en ocasións, desagradecido. Amósase contento co traballo feito
Néstor Quiroga, diante do seu negocio en Chantada, a imprenta e papelería Besbello. M.P.
photo_camera Néstor Quiroga, diante do seu negocio en Chantada, a imprenta e papelería Besbello. M.P.

AS ELECCIÓNS da asociación de empresarios e o CCA de Chantada están convocadas. Mentres, Néstor Quiroga mantén o cargo de presidente, pero en funcións.

Como foi a campaña de Nadal en Chantada?

Relativamente ben. A xente respondeu e os bonos do Concello animaron aos veciños a saír e mercar. Esta iniciativa tivo un efecto moi positivo. Están sendo anos moi raros por mor da pandemia, pero son optimista. A situación mellora, imos en subida. Aínda así queda moito para recuperar a normalidade.

Pode que o coronavirus servira de campaña de concienciación sobre a importancia do comercio local.

Si, por suposto. E tamén se viu a importancia da asociación, como apoio a hostalería ou o comercio. Axudámoslles en todo momento para que estiveran informados das novas normativas que ían entrando, por exemplo. Nestes dous anos de pandemia viuse que a asociación de empresarios e o CCA de Chantada son moi necesarios.

Hai algunha iniciativa desenvolta na pandemia que destacaría?

O código QR para a hostalería, sen ir máis lonxe. Fomos pioneiros, os primeiros en implantalo. A Xunta puxo a Chantada de exemplo sobre como empregar o código QR.

Leva vostede cinco anos coma presidente da asociación de empresarios. Que perspectivas ten? Gustaríalle seguir?

Están convocadas as eleccións, porque a realidade é que despois de catro anos e medio coma presidente quero dar o relevo.Non é bo que a xente se perpetúe nos cargos. Os relevos sempre son sans. No noso caso fai falta que entre xente nova con outros ánimos.

E que opcións hai nas eleccións?

O ano pasado convocámolas tres veces e as tres quedaron desertas. Convocaremos unha asemblea para que a xente que o desexe presente candidaturas. Se non hai ningunha, só quedan as opcións de poñer a asociación en mans dunha xestora ou disolvela. En todo caso sigo sendo presidente en funcións, cargo que exerzo con responsabilidade, como merece a presidencia deste colectivo. É un posto desagradecido en moitas ocasións e tamén desinteresado, pero estou moi contento coa gran labor que fixemos estes anos.

Cantos negocios asociados ten actualmente o CCA?

Uns 150. Quero destacar o traballo de Verónica Gayoso, a nosa xerente, que nos permite manter socios en tempos de crise. Está a facer un bo traballo. Tamén foi importante nos últimos tempos introducirnos na aplicación Bandomóvil, que nos facilita estar conectados cos asociados e informar á xente das nosas iniciativas. É moi novidoso e útil para transmitir circulares ou novas.

Volvendo a esa campaña de conciencianción ao grande que puido ser a pandemia. Como cre que callou na xente?

Teño a percepción de que a maioría deuse conta do necesario e importante que é o comercio local. Sen el, a vila sería un sitio morto. É fundamental seguir concienciándose da relevancia de contar cun comercio e hostalería vivos.

O ano 2021 tamén foi o da recuperación do concurso gastronómico Chantapas. Que valoración fai?

A hostalería tiña moitas gañas de reiniciar este concurso, porque lle aporta un volume de vendas que non se consegue noutras épocas. Vendeuse un total de 3.000 tapas, que se di pronto, coas correspondentes consumicións.

Comentarios