José Manuel Arias López

"Quero ampliar 90.000 metros o solo industrial para crear emprego"

José Manuel Arias López leva 22 anos sendo alcalde e di que aínda lle quedan ideas para mellorar Bóveda, por iso ten intención de optar á reelección. Un viveiro de empresas, máis espazo para elas,  axudas a emprendedores... todo vale para atraer iniciativas de negocio que asenten poboación
ADE2505P45F1
photo_camera José Manuel Arias López. ARCHIVO

O alcalde de bóveda non terá vacacións este verán. Di que ten moito traballo sobre a mesa e que quere axilizalo para recuperar a normalidade canto antes.

Nos 22 anos que leva de alcalde aposto a que nunca pensou verse nunha situación coma a actual.

Nunca na vida. Houbo momentos difíciles, pero así non. Lembro tres especialmente duros. Un foi no 2004, cando un incendio atravesou literalmente o concello e o lume chegou ás casas. Outro foi cando se produciu un brote de cianobacterias no encoro de Vilasouto e a auga da que se subministra Bóveda non era apta para o consumo. E o terceiro foi esta pandemia, sobre todo ao principio. Vía o que estaba pasando nas cidades e sabía que viña para aquí e que non había xeito de paralo. Coa cantidade de maiores que temos puido ser moito peor.

Non houbo vítimas mortais.

Tivemos contaxios, pero non morreu ninguén.

E como afrontan a desescalada desde o Concello?

Organizamos campamentos xuvenís para xullo e pouco a pouco iremos recuperando as actividades culturais, a ocioteca, a ludoteca.

E haberá que revitalizar a economía. Como vai o proxecto para facer o viveiro de empresas?

Imos adquirir dúas parcelas do polígono industrial para facer unha nave na que ofrecer despachos e espazos de traballo para os emprendedores que queiran asentarse en Bóveda. Disporán de conexión a internet, novas tecnoloxías, salas en común...

Tamén entraron no proxecto Holapueblo coa mesma idea de atraer emprendedores. Como vai iso?

Recibimos varias chamadas, incluso desde Arxentina, pero de momento sen éxito porque o que esa xente buscaba era traballo, non emprender eles un negocio. O programa está orientado cara a emprendedores que queiran vir montar algo aquí.

E que facilidades terían?

Ofréceselles vivenda con precios de aluguer e venda asequibles. No último ano vendéronse 15 casas que levaban á venda xa tempo. Algo cambiou coa pandemia. Estar pechados nun piso axudou a valorar a calidade de vida do rural. Co que costa un piso pequeno en Lugo compras unha casa en Bóveda e a calidade de vida é outra. Temos bos servizos, estamos ben comunicados e en media hora estás en Lugo.

E de que se pode vivir en Bóveda?

O sector servizos dá postos de traballo, e tamén a agricultura e a gandaría. Na residencia para discapacitados físicos traballan unhas 100 persoas e o sector das forraxes pode ter saída tamén.

Que pasa coas forraxes?

Hai demanda de forraxe por parte dos gandeiros e temos un proxecto para poñer en produción 150 hectáreas. Son terras que están a monte e o obxectivo é mediar entre propietarios e gandeiros para poder aproveitalas.

E en que está traballando actualmente o Concello?

Estamos facendo obras no mercado gandeiro de Rubián. Xa non hai gando, pero os días 14 e 29 séguense xuntando postos de verdura, charcutería, produtos da zona, de roupa e de polbo, que é o referente. Estamos acondicionandounha nave dentro dos proxectos do GDR Ribeira Sacra-Courel.

E para os dous anos de mandato que quedan?

A prioridade vai ser ampliar o solo industrial. Temos intención de adquirir 90.000 metros cadrados de solo a carón do polígono para crear novas parcelas. Hai que estar preparados para cando se necesiten. Iso é emprego, son nenos para a escola. O polígono que temos foi feito por Xestur e o Concello colaborou na urbanización para abaratar o solo. Así conseguimos atraer unha das maiores produtoras de mel de España, dúas cárnicas, unha empresa de madeira... está case todo ocupado. Non sei se lograremos rematar neste mandato, pero vai ser o proxecto que nos guíe. Tamén seguiremos traballando para mellorar os servizos de auga, saneamento, as estradas, e no aforro enerxético, coa instalación de luces led.

E dentro de dous anos volverá a optar á alcaldía?

Non o sei, en dous anos pasan moitas cousas. Non depende só de min, en Bóveda temos un comité executivo que é quen decide.

Pero vostede quere seguir?

A min gústame isto porque creo que aínda lle facemos falta a este pobo, aínda temos ideas. Sempre pido que Deus me dea cabeza para irme cando non sexa necesario.

Un home familiar e deportista
José Manuel Arias é alcalde de Bóveda desde 1999, sempre con maioría absoluta. Aínda lembra cando o anterior erxedor lle ofreceu a posibilidade de "ocupar un posto de saída na lista do Partido Popular para encargarme da área de deportes". Desde aquela, xa non volveu abandonar a corporación municipal.
Afeccións
Di que é afeccionado ao deporte, "aínda que cada vez o practico menos. Saio a camiñar e ás veces en bicicleta". Tamén lle gusta a caza menor.
Vacacións
Cre que este verán non terá vacacións, pero di que non lle importa moito porque "con ter algunha fin de semana para ir coa familia por aí xa me chega. Dáme igual non ir a un cruceiro, do que realmente desfruto cando teño tempo é das comidas con amigos e familiares. É o pracer máis grande que existe".

Comentarios