ROSA ARZA RODRÍGUEZ, NOVA PRESIDENTA DO PP DE QUIROGA

"Queremos formar unha agrupación ampla, unida e forte e iso pasa por abrir as portas"

Rematou a súa etapa de catro anos como senadora por Lugo e regresa á política local co reto de recuperar a confianza dos veciños e devolver o PP á alcaldía. Tenderá pontes para instaurar a unión na agrupación, moi tocada nos últimos tempos e que ata viu como marchaban o actual rexedor, José Luis Rivera, e algúns dos seus concelleiros independentes
Rosa Arza, ante un cartel de benvida a Quiroga. EP
photo_camera Rosa Arza, ante un cartel de benvida a Quiroga. EP

As últimas eleccións municipais en Quiroga déronlle a alcaldía ao independente José Luis Rivera, un ex do PP que goberna en coalición co PSOE e o BNG. Os populares viviron tempos de crise interna que Rosa Arza quere deixar atrás, rematada xa a etapa do exrexedor Julio Álvarez tamén coma presidente local da formación. Considérase unha muller de partido e afirma que estará onde a precisen, que agora mesmo, segundo di, é á fronte da agrupación quiroguesa. Foi senadora por Lugo a pasada lexislatura, etapa que considera de grande aprendizaxe, e agora ve unha oportunidade de traballar de xeito directo para os veciños.

Despois de catro anos no Senado, que espera do seu regreso á política local?
A miña experiencia no Senado foi moi positiva, aprendín un montón e crecín persoal e profesionalmente, a moitísimos niveis. Pero nunca deixei de mirar cara a Quiroga. Estiven moi atenta á política local e sobre todo aos intereses e inquedanzas dos veciños. Sempre apoiei e compartín todo tipo de iniciativas positivas que emanaban de calquera veciño de Quiroga e por iso nunca estiven desvinculada.

Sente que é unha oportunidade para vostede?
Si. Agora teño a opción de traballar desde dentro, de maneira moito máis directa, en beneficio dos quirogueses e iso é precisamente o que espero: que Quiroga sexa o lugar no que calquera persoa querería vivir.

Sabe que o PP pasou por momentos moi delicados en Quiroga. Como pode recuperar unha alcaldía que perdeu en maio e ostentaba desde 1987?
Desde o respecto total cara aos resultados democráticos obtidos nas urnas, imos traballar para recuperar a confianza dos quirogueses cunha serie de medidas e propostas que poñerán o foco na resolución dos verdadeiros problemas do Concello e dos veciños, sempre de maneira construtiva e con confianza no futuro.

Por que decidiu dar agora o paso de presidir o partido a nivel local?
O Partido Popular de Quiroga precisaba unha nova presidencia e eu sempre vou estar onde o meu partido me necesite.

Non formou parte da última lista electoral ás municipais. Tivo algún desencontro co anterior presidente do PP e alcalde, Julio Álvarez?
Nos pasados comicios eu estaba centrada na miña responsabilidade como senadora pola provincia de Lugo, sempre coa mirada posta en Quiroga, como dixen antes, pero atendendo aos intereses do conxunto dos lucenses. En calquera caso, cada candidato ten liberdade para formar a súa lista electoral e a min gústame centrarme no presente e traballar día a día para crear o mellor futuro posible.

Ser alcaldesa de Quiroga é o seu obxectivo? No caso de ser así, e tendo en conta que non é a voceira do PP na corporación nin tampouco conta cun escano, que política comunicativa ten pensado desenvolver nos vindeiros anos para promocionarse?
Como lle digo, eu son unha persoa moi centrada no momento presente e o meu único obxectivo neste momento é liderar o Partido Popular de Quiroga para reconstruílo e conseguir unha agrupación máis forte e unida que nunca. Polo demais, estiven, estou e estarei ao dispor do meu partido e irei onde o Partido Popular considere que podo aportar máis e mellor.

"A nosa oposicion sempre vai ser construtiva, pero imos estar absolutamente pendentes do labor do goberno para fiscalizalo"

Como é a súa relación coa actual agrupación municipal do PP?
Os edís que hai agora mesmo no Concello de Quiroga ou son compañeiros de partido ou o foron de corporación na miña época como concelleira.

Que valoración fai do actual goberno municipal e que tipo de oposición van facer desde o PP?
A nosa oposición sempre vai ser construtiva, porque iso é o que merecen os quirogueses. Iso si, imos estar absolutamente pendentes do labor do actual goberno, xa que o noso traballo é fiscalizalo e mellorar todo o que estea na nosa man. Sempre desde un punto de vista positivo e pensando no ben común de todos os veciños de Quiroga.

O actual alcalde, José Luis Rivera, é un ex do PP, coma moitos dos que o acompañaron na lista de Independentes por Quiroga. Váiselles tender a man para que volvan?
No Partido Popular de Quiroga estamos abertos a tender todas as pontes que sexan necesarias. Queremos construír unha agrupación ampla, unida e forte e iso pasa por abrir portas, nunca por pechalas.

Que lle di a xente pola rúa desde o seu nomeamento como presidenta do PP?
Son unha persoa moi sociable. Encántame falar e, sobre todo, escoitar os veciños. Danme os parabéns, demóstranme o seu agarimo e envíanme os seus mellores desexos. Para min é unha auténtica honra e un privilexio servir os quirogueses.

Comentarios