"Quedan uns 30 traballadores que están aquí desde o primeiro día e merecían unha homenaxe"

Naceu nos Estados Unidos, pero as súas raíces están en Quiroga. Logo de moito tempo de traballo en Madrid, o pasado febreiro asumiu a xerencia do hospital de Monforte. O centro sanitario cumpre 35 anos de traxectoria e hoxe celébrase un acto de conmemoración
A nova xerente do hospital de Monforte, Inmaculada Ramos, no seu despacho. M.P.
photo_camera A nova xerente do hospital de Monforte, Inmaculada Ramos, no seu despacho. M.P.

A nova xerente, especialista en cirurxía xeral e do aparello dixestivo, chegou ao hospital comarcal con moitos proxectos e ideas en mente, entre eles desterrar o papel e dar paso á dixitalización nos circuítos de xestión. Pero hoxe toca celebrar o acto de conmemoración dos 35 anos de traxectoria do centro sanitario.

Que se atopou dende que foi nomeada xerente do hospital?

En primeiro lugar unha gran alegría e satisfacción, porque a asistencia é moito mellor do que pensaba. É un hospital que dá resposta ás necesidades asistenciais da comarca dunha maneira moi definida. Por outra banda, impactoume ver que hai moitos circuítos de xestión que debemos adecuar aos novos tempos. Malia que o Sergas é unha das mellores administracións á hora de informatizar as historias clínicas, hai moitos procesos dentro do hospital que seguen a facerse en papel, cando sería posible desenvolvelos de xeito electrónico.

Dixitalizar o hospital é entón un dos seus grandes proxectos?

Esa función non é miña, senón da Consellería. O que si quero é desterrar a maioría dos circuítos de xestión en papel. Temos as ferramentas, pero aínda non as puxemos en marcha. Insisto en que o Sergas é unha das mellores xestións de España neste eido. Téndese a pensar que a cidadanía non pode asumir máis dixitalización e non é certo.

Un 32% dos pacientes do distrito sanitario xa teñen a pauta completa da vacina e un 81% recibiu polo menos unha dose

Tocoulle asumir a xestión do hospital xusto no ano do seu 35 aniversario. Hoxe hai un acto de conmemoración. Fálenos un pouco del.

Tiñamos claro que os primeiros pacientes ambulatorios chegaron en xuño e a primeira intervención, unha apendicite aguda, está rexistrada en xullo. Por esa razón decidín facer este acto un 23 de xuño, coincidindo co solsticio de verán. Quedan uns 30 traballadores que están aquí dende o primeiro día. Eles abriron o hospital e merecían unha homenaxe.

A pandemia segue a ser o gran reto do hospital comarcal. Como vai a loita contra o covid-19?

Polos últimos datos que manexo, un 32% dos pacientes do distrito sanitario xa ten a pauta completa da vacina e un 81% recibiu polo menos unha dose.

Hai unhas semanas decidiuse levar o punto de vacinación do hospital ao antigo colexio Sagrado Corazón. Que supuxo ese cambio?

Foi un acerto porque desconxestionamos os accesos dos pacientes. Alí hai máis espazo para todo. Éntrase e sáese por sitios distintos. Ademais facemos un uso máis eficiente dos recursos humanos. Atendemos a máis xente con menos persoal.

Foi moi criticada a centralización da sanidade en Lugo.

Pero as estruturas de xestión para ser máis eficientes teñen que centralizarse. Podemos recibir asistencia dende a propia área e ofrecer nós servizo ao resto. Sempre hai resistencia ao cambio. Eu teño unha óptica máis externa, porque veño de fóra e pasei polo sector privado. A centralización está na mesa de todas as organizacións coa fin de optimizar recursos.

Hai quen di que se van perder especialidades con este modelo.

Pero se as gañamos. Hai consultas como a de oncoloxía ou alergoloxía que non existían e están cubertas pola área de xestión integrada. O resto mantéñense e seguro que teremos novos especialistas en Monforte. Da outra maneira, os cidadáns tiñan que ir ás consultas a Lugo e agora poden vir aquí.

Comentarios