"O que nos salvou foron os soutos"

Despois de arrasar a zona sur do Courel, o lume ameazou este martes a zona norte, na parte alta da serra, aínda que de maneira máis lenta pola maior presenza de soutos e fragas, que frearon o avance das lapas. Unha das cabezas do incendio foi controlada nas proximidades da Devesa da Rogueira, a xoia do patrimonio natural galego
Tarefas de extinción nun incendio no Courel. MANUEL VALCÁRCEL (PIRO)
photo_camera Tarefas de extinción nun incendio no Courel. MANUEL VALCÁRCEL (PIRO)

"Salváronnos os soutos. Debería haber un día santo para os soutos", di un veciño do Courel, xa de mañá, e despois da noite dura que se viviu de luns a martes en moitas aldeas que se viron de novo rodeadas de lapas. A historia repetiuse: en Sobredo, en Seceda e en Eiriz foron os propios veciños os que defenderon os núcleos con bulldozer, con contralumes ou con cubos que, a falta de motobombas, serviron para enfriar pontes e casas.

"Coñecer o terreo, axuda", dicían os que se negaran a evacuar as aldeas, orde que moitos incumpriron por non vir acompañada de medios. "Como imos marchar, se hai equipos de fóra que nin coñecen o terreo nin saben onde están as tomas de auga?", indican. Cumprir a indicación significaba, para moitos, abandonar totalmente un lugar que estes días se viu abandonado.

Na zona norte da serra, a máis afectada na xornada do martes, un bombeiro dun parque da provincia explicaba que, despois do acontecido en Portugal no ano 2017, onde morreran 66 persoas fuxindo do lume, a directriz era a de evacuar canto antes. Outros matizan que, con coordinación, a xente moza podería axudar. As zonas de eucalipto de Portugal non son as aldeas do Courel, precisamente polos seus cintos de soutos.

No que todos coinciden é na magnitude do incendio, nunca vista en Galicia e que "interactúa co de Valdeorras e co da Serra da Culebra". Pero a eles non os colle tan de sorpresa. En realidade, non debera coller de sorpresa a ninguén, despois de tantas e tan fundadas advertencias que dende hai anos se cinguen sobre a realidade tanxible do cambio climático que, sumada á falta de previsión, de medios e de políticas, auguran que o polvorín que hoxe choramos no Courel se estenda.

A DEVESA DA ROGUEIRA. "Semella que queren que desapareza todo isto", dicía un veciño a primeira hora da mañá. "Onde están as avionetas? Seguro que se o lume chega á Devesa da Rogueira veñen todos os medios", engadía. Poucas horas despois, varios helicópteros, por fin, freaban unha das cabezas do incendio próxima a esa xoia do patrimonio natural galego que tamén se viu ameazada. Confluencias cargadas de significado para os veciños, que ven nelas abrirse esa fenda que os poderes marcan no propio lugar onde viven. "Ao final, sen xente, nin hai devesa, nin hai nada", comentan.

"Salváronnos os soutos". Esa tregua do martes, antes de que o lume volvese achegarse a Folgoso, a Ferreirós, ao Castro da Torre, a Mercurín ou á Seara a última hora da tarde, non a deron as motobombas. Dérona os que traballan sen descanso, e dérona os soutos. O Courel alto, onde non se imaxinaba o luns pola mañá que o lume puidese chegar, e logo de quedar a zona baixa da serra arrasada, resiste mellor, aínda nestas condicións, por non ter tanto piñeiro, polos soutos, devesas e fragas.

E volvo a Novoneyra, cando dicía: "Gran boi deitado/ serra do sol/ onde eu son/ coa uz e o carpanzo". Somos cos soutos, coas devesas, coas fragas. Na súa contra non semellamos ter moito futuro. Somos, aínda que non queiramos, coas denosiñas, cos teixugos, cos corzos, cos coellos, con todos os niños de todas as aves que estes días morreron nesta catástrofe sen precedentes no país. Non é a aldea ou a devesa. Somos coa uz e o carpanzo. "Salváronnos os soutos". É urxente que se oia.

Comentarios