Pili Sánchez, escritora monfortina

"Para publicar hai que perder a vergoña a amosar o noso interior"

Acaba de publicar, da man de Peruchela Edicións, ‘Seguimos de conto’, un libro dividido en dous relatos independentes, ‘Conto para Andrea’ e ‘Diario de a bordo’. Trátase da súa terceira obra, que suma ao poemario ‘De vida e morte. Amor e indiferenza’ e a ‘Estamos de conto'
Pili Sánchez. EP
photo_camera Pili Sánchez. EP

A autora de Seguimos de conto xa presentou a que é a súa terceira obra, publicada da man de Peruchela e coa colaboración da ilustradora Anabel Álvarez.

Para os que non o lemos. Que é Seguimos de conto?
Un libro con dous contos independentes para todos os públicos e que está dividido en dous relatos, Un Contro para Andrea e Diario de a bordo. Teñen como punto común a paisaxe da Galicia rural, a mestura de realidade e ficción, a confluencia de soños e feitos e uns protagonistas que se atopan na preadolescencia.

Polo que teño entendido, un deles está ambientado en San Xoán.
Máis ben na previa de San Xoán, é dicir, nos días polos que pasamos agora mesmo, que son os que vive a protagonista. Aínda que o primeiro conto está baseado nun pesadelo que tivo a miña filla, Andrea. É o punto de partida para todo.

O seu anterior libro tamén é de contos. Que diferencias hai?
En ‘Estamos de conto’ hai sete historias. Seguimos de conto componse de dúas, máis curtas e íntimas. Do primeiro chegamos a facer dúas edicións, porque esgotamos todas as publicacións da tirada inicial. Foi un erro de cálculo que cometemos Rocío, de Peruchela Edicións, e eu, do que tamén aprenderemos.

Entendo que estará logo moi satisfeita coa acollida do público.
Foi mellor do que pensaba. Cando empecei a escribir quería ver o meu traballo en forma de libros e a aventura saíu moi ben. Rocío animoume moito, foi a que me dixo que merecía a pena sacar máis exemplares e publicalos. Ata teño en marcha unha páxina web, pilisanchez.com.

De onde lle veu a paixón pola escritura?
Sempre escribín. Agora recompilo cousas que tiña feitas. Para publicar axudoume tamén Anabel Álvarez, profesora de Debuxo no instituto Daviña Rey, que é a ilustradora. Foi unha experiencia moi bonita que me animou durante a pandemia. Facía videochamadas con Anabel e compartíamos o que creabamos.

E en cal dos dous xéneros que traballou, a poesía e o conto, se sinte máis cómoda?
No conto, pero entendéndoo non só coma un xénero para nenos. De feito, os meus contos non valen para os que son moi pequenos, é moi difícil que capten a mensaxe. E iso que saen personaxes coma trasgos, diaños ou anxos. Pero a perspectiva é máis adulta.

Como animaría a unha persoa que non se atreva a publicar?
Todos os que non escribimos en base a unha documentación histórica podemos ter pudor a que coñezan o noso interior. O importante é perder a vergoña e que dentro duns anos non nos arrepintamos de non telo intentado. Hai que facelo e non preocuparse polo que poida pensar o resto.

Comentarios