O PSOE denuncia a falta de persoal no centro de saúde e no Hospital de Monforte 

Os socialistas critican que no ambulatorio os médicos atenden unha media de 60 persoas nunha soa mañá e que só hai tres pediatras para atender a máis de 2.200 nenos

Concentración este martes en el Hospital de Monforte. PSOE
photo_camera Concentración este martes en el Hospital de Monforte. PSOE

O PSOE denunciou o "desmantelamento da sanidade pública e a precarización dos servizos por parte da Xunta" nunha concentración celebrada este martes diante do Hospital comarcal de Monforte na que participaron o alcalde, José Tomé Roca, concelleiros e varios veciños.

Os socialistas censuran que nun centro que atende a 50.000 habitantes "non teñen oncólogos propios" e que "na maioría de servizos só hai un facultativo especialista como en alergoloxía, endocrinoloxía, dermatoloxía…".

"Necesítanse máis enfermeiros e celadores, un técnico de laboratorio para o servizo de urxencias e restablecer o médico rehabilitador", prosegue o PSOE, que apunta que, como consecuencia da falta de persoal, "hai listas de espera para facer probas básicas en cardioloxía, resonancias e revisións".

Os socialistas monfortinos denuncian ademais "a derivación de pacientes a centros privados para terapias de fisioterapia ou logopedia e contratos de días", feito polo que –lembran– as reclamacións de pacientes superan as cincuentena. 

"Estannos quitando servizos sanitarios paulatinamente. Primeiro foi a supresión da área sanitaria para centralizala en Lugo e agora coa falta de persoal para poder atender correctamente aos veciños. O Sergas está xogando coa saúde de máis de 60.000 lucenses debido ás políticas de recortes", defende Tomé Roca. 

Os socialistas denuncian tamén a falta de persoal no centro de saúde de Monforte. "Nos últimos catro anos a Xunta amortizou dúas prazas, unha por traslado e outra por xubilación, quedando doce médicos cando antes había 14", lembran. Esta situación –critican– provoca que os facultativos teñan que atender a unha media de 60 persoas cada mañá.

Ademais, censuran que "só hai tres pediatras para atender aos máis de 2.200 nenos de Monforte, Sober e Pantón". "Isto supón unha lista de espera de máis de 10 días para que as familias sexan atendidas", aseguran. 

Por último, o PSOE asegura que os profesionais do centro de saúde tamén se queixan da "falta de material para facer curas, como esparadrapos ou gasas"

Comentarios