O proxecto do Estatuto galego

A II República en Chantada (IX) ▶ O papel de Daniel Vázquez no Congreso dos Deputados foi complexo. Tivo, por exemplo, que facerlle fronte a varias falsidades, pero tamén tivo un papel relevante na defensa do Estatuto Galego, do que opinou que, aínda que algo tímido, era sobrio e mostraba unha gran flexibilidade.
Políticos republicanos de dereitas e esquerdas reuníronse co deputado Daniel Vázquez (pola esquerda, entre as dúas nenas) en Chantada en 1932. ARCHIVO PARDO
photo_camera Políticos republicanos de dereitas e esquerdas reuníronse co deputado Daniel Vázquez (pola esquerda, entre as dúas nenas) en Chantada en 1932. ARCHIVO PARDO

A entrada de Daniel Vázquez no Congreso dos Deputados non foi un camiño de rosas. En outubro de 1931, o ministro de Xustiza recibe supostas notas falsas —de presuntas actas falsas— sobre o movemento agrario e republicano en Chantada, ao momento de ter que enviarlles ás asociacións un telegrama en defensa das sociedades que se integran na Federación Agraria de Chantada representadas por "máis de 12.000 familias campesiñas que apoian e afirman rotundamente a petición feita na Cámara polo noso representante Daniel Vázquez".

Afirman rotundamente que esas sociedades que enviaron notas difamatorias "carecen de existencia legal, son caciques monárquicos que cinicamente pretenden anular forzas democráticas que pasan de once anos, loitan polo ideal contra os ditos caciques venais gobernantes e expoliadores deste país; ratificamos telegramas e conclusións votadas, mitins e manifestacións celebradas neste país por constituír anhelo popular e satisfacción de xustiza".

Advirten desde o Concello de Chantada que se notifique aos medios de comunicación esas falsidades "a fin de que non sexa sorprendida a prensa madrileña por elementos indesexables".

Neste documento asinan todos os presidentes das sociedades agrarias e a Asociación Republicana de Chantada, "cuia existencia datada anterior á República, integrada por 1.000 afiliados cotizantes, adhírese en todo o anteriormente dito".

Indican expresamente o vicepresidente Modesto Álvarez e o secretario Amador Rodríguez a súa solidariedade na actuación do seu presidente e representante parlamentario, "e que tal representación é absolutamente apócrifa por non existir neste país máis organismos republicanos e agrarios que os que representa Vázquez Campo. Seguramente quen subscribiu a protesta contra a petición de depuración de actas falsas son fillos caciques bugallistas e precisamente complicados no falseamento de ditas actas".

Daniel Vázquez
"O relatorio do Estatuto ten o mérito de ser un afago ponderado, reflexivo e ganoso de alcanzar a autonomía"

Por iso insisten en que se realice un nomeamento dun xuíz e secretario especiais para dito fin. Desde o Centro Obreiro Socialista de Chantada, o seu presidente, José Couto, sinala na adhesión que a súa formación conta "con máis de 25 anos de existencia e aplauden fervorosamente a petición formulada no Parlamento por Vázquez Campo e ratifica a súplica feita en mitins e manifestacións".

ESTATUTO GALEGO. En outubro de 1931, o parlamentario Vázquez Campo opina que o relatorio do Estatuto galego é en xeral bo, "un pouco tímido en punto de atribucións do Estado rexional e ata de frase, máis que suave fuxidía de enerxía; demasiado parco en preceptos de asistencia social, ten, con todo, ó meu entender, o extraordinario mérito de ser un afago ponderado, reflexivo e ganoso de alcanzar a autonomía".

Por iso, engade, "záfase de extremismos que puidesen dar ao traste co preito, dotándolle dunha habilidade innegable. Ten, ademais, outro valor, estimabilísimo desde os puntos de vista xurídico e de posibilidades. É sobrio no concepto e abstrae no enunciado, o que lle dá unha flexibilidade magnífica, facendo posible o encaixamento dentro das súas normas de preceptos de distinta sorte, non incorrendo no casuismo".

Reafírmase ao non ter dúbida algunha respecto á súa aprobación. O 29 de maio de 1932, o rexedor do Concello de Chantada, Julio Amador Rodríguez Fernández, dá lectura íntegra á corporación dunha circular do alcalde de Santiago comunicando que "en sesión do día 27 de abril, adoptou o acordo de convocar unha Asemblea de Concellos de Galicia, naquela cidade, co fin de elaborar o proxecto de Estatuto para o réxime de autonomía da rexión galega, dentro do estado español".

Solicita o alcalde santiagués a adhesión do Concello chantadino e a súa colaboración para a resolución do devandito problema, ao cal Julio Amador declara: "Rexión é unha porción do territorio dunha nación, que, polas súas características etnográficas, xeográficas, fisiolóxicas, historia e tradicións, abrazados por unha unidade moral dos seus costumes, cultura, linguaxe, etc., para un efecto común, como recoñecer a Nación, diferénciase das outras que integran o Estado".

Julio Amador
"Esta reforma é a evolución da vida municipal española e o recoñecemento da súa capacidade xurídica integral"

Salienta que neste caso atópase na República española, "como máis caracterizadas Galicia, Cataluña e Vasconia, as cales, por tales causas, necesitan réximes especiais, adecuados ás súas necesidades sociais e económicas, e, así, como pautas integrantes de España, o seu esplendor sinalará o da Nación e a súa decadencia coincide coa do Estado; paralelismo de singular elocuencia polo ensino que arroxa".

Esta reforma que aspira Galicia, subscribe o alcalde, "ademais do máximo respecto á realidade social, é a restauración do sentido nos seus albores e na súa opulencia, a evolución da vida municipal española, a plena personalidade das entidades municipais e o recoñecemento da súa capacidade xurídica integral tanto do dereito como da vida". Incide en que os prexuízos á rexión do centralismo son incalculables.

Julio Amador subscribe en acta que "se observa precisamente nestes momentos que se está discutindo no Parlamento a reforma agraria, baixo un concepto de descoñecemento completo deste problema en Galicia ao consideralo en igualdade de circunstancias a outras rexións netamente latifundistas; aludo a esta circunstancia por ser de actualidade, non facendo mención doutros problemas de non menos importancia".

Termina a sesión interesando "acórdese a adhesión entusiasta á proposición do Concello de Santiago e a colaboración en tal sentido ata conseguir a constitución da carta de autonomía da rexión galega". O 16 de xuño de 1936, sendo alcalde Casimiro Míguez Regal, acorda a corporación designar a Benito Rivadulla Pascual e Eduardo García Eiré interventores para as mesas electorais, «co fin de garantir o sufraxio para o plebiscito do proxecto de Estatuto de Galicia".

Comentarios