Se eu fose alcaldesa...

"É prioritario un Plan Integral da Auga que inclúa accións para a recuperación do río"

Katy Varela Fernández. EP
photo_camera Katy Varela Fernández. EP
Katy Varela Fernández
Candidata do PP en Monforte
Idade: 41 anos.
Lugar de nacemento: Monforte.
Primeiro ano como candidata: 2019.
Afeccións: O mar, os animais, a música en directo, os libros de historia e a familia

 

A candidata do Partido Popular á alcaldía de Monforte, Katy Varela, ten 41 anos. É avogada por vocación e confesa o seu amor polos animais, o mar, a música en directo, os libros de historia e a súa familia. 

O seu primeiro contacto coa política foi no ano 2019 nas municipais do concello, seguindo os pasos do seu pai que foi deputado autonómico no Parlamento de Galicia nos anos 80. "Con el aprendín que a política debe ser absolutamente vocacional e ao servizo dos cidadáns". Katy Varela, presidenta e actual voceira do Partido Popular de Monforte, afronta o reto de encabezar de novo a lista popular en Monforte para as próximas eleccións municipais coa mesma ilusión e humildade que na última ocasión: "Animeime a dar o paso pola situación de decadencia na que se atopaba e se atopa Monforte, algo que na miña opinión é absolutamente intolerable sendo a capital da Ribeira Sacra". 

Para a popular, Monforte ten como fortalezas "a calidade humana dos seus veciños, o patrimonio histórico, cultural e natural, ademais da súa situación xeográfica, pois está cerca das capitais de Lugo e Ourense, é un acceso natural desde a Meseta a Galicia e é lugar de paso do Camiño de Santiago". 

Mellora dos servizos administrativos 

A candidata popular di: "Se eu fose alcaldesa o primeiro que faría sería reunirme con todos os empregados do concello para coñecer as súas primeiras impresión sobre a xestión que realizan no departamento que traballan". Indica que para mellorar un lugar de traballo hai que empezar polos recursos humanos e facilitar a relación dos cidadáns coa administración. Ademais, para os populares é vital apoiar o comercio e a hostalaría monfortina facilitando os trámites administrativos e reducindo a carga burocrática. 

Fomento do emprego e mellora das comunicacións 

Unha das preocupacións do PP é o éxodo de varias xeracións que por falta de oportunidades laborais ou por redes de comunicación tiveron que irse de Monforte. "Deterioráronse as comunicacións e conexións de transporte, polo que a mobilidade é cada vez máis complicada para a cidadanía". Neste sentido, Varela asegura: "No último mandato perdéronse a metade das conexións ferroviarias existentes, ademais da grande oportunidade de mellorar o enlace coa Meseta pola A-76. Así mesmo, hai zonas que no seu día foron núcleo da actividade comercial como é o caso do Barrio da Estación, que por culpa das perdas de conexións ferroviarias viu mermada a súa poboación e actividade". 

Para a candidata "é necesario unha colaboración estreita do concello coa oficina de emprendemento aberta pola Xunta de Galicia recentemente. O fomento do emprendemento, a modernización e a innovación dos nosos mozos é imprescindible para que teñan a oportunidade de asentarse en Monforte. Está ben aspirar a que veña algunha grande empresa pero o futuro do noso municipio pasa polas novas xeracións". 

Mellora dos servizos públicos 

A candidata popular sinala: "Paréceme prioritario un Plan Integral da Auga con execucións de obras anuais que inclúan accións para a recuperación do río e a súa contorna. Non é de recibo que non poidamos desfrutar deste ben natural en condicións de salubridade". O estado actual do río Cabe "non permite unha zona pública de baño nin realizar actividades fluviais seguras". Non só é un problema de carácter lúdico ou medioambiental, senón tamén de abastecemento. "Desde o PP levamos moito tempo reclamando unha mellora integral da rede de abastecemento ante o problema que supón para Monforte". 

Ademais, ao PP de Monforte chámalle a atención a falta dun Plan de Actuación no Casco Histórico ante a mala imaxe que ofrecen o estado dalgúns edificios e rúas. "Percorrendo o concello —asegura Varela— pódese ver a diferenza de trato do actual equipo de goberno con certos barrios e parroquias e deixando de lado o mantemento e ao investimentos en recursos noutras zonas". 

Unha materia pendente de cara ás novas xeracións é a mellora das instalacións deportivas para que os nenos e nenas poidan practicar as súas actividades sen riscos. "As instalacións municipais están obsoletas, as pistas de atletismo non están homologadas, e a reforma que se anunciou no Pavillón da Pinguela non cobre as necesidades. Creo que ese investimento debería utilizarse para a construción dun novo pavillón". 

Para a popular, aínda que o goberno presume de ser sensible coa terceira idade, cren que hai un xestión nefasta dos Servizos Sociais. "O centro de día ten unhas instalacións precarias e insuficientes e hai máis de cen persoas en lista de espera para recibir o Servizo de Axuda no Fogar (SAF)". Esta falta de sensibilidade esténdese a outros colectivos vulnerables ou a persoas con necesidades especiais debido, en gran parte, a pouca colaboración coas asociacións para o impulso da súa integración plena e autonomía persoal. "Non podemos esquecer tampouco a conciliación laboral e familiar para apoiar máis a coidadores e as familias", sinala.

Monforte

 

Eixes dinamizadores
O rural e o turismo como motor económico 
Os populares destacan o coidado das parroquias, a prevención de incendios forestais e a potenciación da economía rural como elementos fundamentais para o desenvolvemento económico de Monforte de Lemos. "Pero para que isto sexa posible é importante traballar coa Consellería do Medio Rural", apunta Varela.

No eido do turismo a candidata destaca este o sector como "un dos maiores valores do concello de cara a un crecemento económico", por tanto para volver poñer a Monforte no mapa neste ámbito "é importante ampliar a oferta de actividades culturais que sexan atractivas para os cidadáns e os turistas". Neste aspecto, Katy Varela considera que "é esencial apoiar a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade".