viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

"Precisamos un impulso, a sociedade está pedindo que os rebaños volvan aos montes"

Diego Fernández. EP
Diego Fernández. EP
O soberés Diego Fernández, presidente de Ovica, demanda apoio institucional para poñer en marcha unha escola de pastores de ovino e caprino e da saída a un produto diferenciado

DIEGO FERNÁNDE Z decidiu, hai xa máis dunha década, converter o rabaño de dez ovellas da súa avoa nun de 350 que constituíse a súa principal actividade económica. Este pastor de Sober preside hoxe a Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), que botou a andar no ano 1994 co obxectivo de facer viable un sector que antano tivo un gran peso no país.

Houbo un tempo no que Galicia estaba chea de cabras e ovellas. O Catastro de Ensenada cifraba dous millóns a mediados do XVIII, e agora non chegan ás 240.000.

Si, pero eran explotacións moi pequeniñas. Nas casas máis grandes había dez ou doce vacas, e completábase moitas veces cun pequeno rabaño. Era outra gandería, de subsistencia. Inda que, mirándoo ben, de subsistencia somos nós. Estamos aínda lonxe de criar riqueza no rural.

Cantos socios ten Ovica hoxe?

Arredor duns 180, dos que preto de 80 son de Lugo. A maior masa social sitúase na provincia, pero o maior número de cabezas está en Ourense. En Pontevedra é testemuñal, e na Coruña algo maior.

Cantas son mulleres?

No ovino e caprino hai máis paridade ca noutros sectores. As dúas últimas presidentas foron mulleres, Araceli Pillado e Mari Carmen Fernández, que continúa na xunta directiva. Hai moitas mulleres pastoras e xestoras das súas explotacións.

Como foi a evolución deste sector nos últimos tempos?

Coma a de toda a gandaría en Galicia. A xente maior abandona, e falta relevo xeracional, inda que antes do covid tivemos moitas incorporacións de xente nova.

O ovino e caprino ofrecen máis facilidades á xente moza, non si?

Si, porque requiren de moito menos investimento. Porén, o plan de incorporación á actividade agraria da Xunta non contempla nada de ovino e caprino. Non hai ningún formación ao respecto.

Como sector xa reclamaron unha escola de pastores.

Si, ou incluír algunhas horas de ovino e caprino na formación para a incorporación. Isto existe dende hai anos noutras comunidades, como Aragón ou Estremadura, e estanse abrindo escolas en moitos sitios. É algo que a sociedade está pedindo, que os rabaños volvan aos montes. En Galicia estamos á cola.

Cales foron as consecuencias da pandemia no sector?

Freou todo. O cabrito e o cordeiro son carnes de celebración, e polo tanto das máis afectadas por esta situación.

Como se está aproveitando a la?

Moi pouco. Até o covid pagábase a 20 ou 30 céntimos por vélaro. Porén, tosquiar unha ovella cústache entre 1,50 e 1,70 euros, só se tes máis de 300; se son menos é máis caro. Sempre se procurou que a la dese, alomenos, para cubrir os gastos de tosquiar. Pero agora xa hai pastores aos que lla levan gratis.

En que situación se encontra a marca Pastores de Galicia?

Non está onde tiña que estar, sobre todo por falta de apoio e financiamento. Tivemos axuda da Deputación de Lugo, pero falta implicación da Xunta. Nós non podemos vender a grande escala, nin ofrecer un produto uniforme, como as cadeas queren que fagamos. Precisamos diferenciarnos e, para iso, precisamos axuda.

En que situación está a ovella galega?

Agora hai xa moitos socios que apostan por ela, e incluso estase tratando de mellorar a raza. Diego Fernández. e

"Precisamos un impulso, a sociedade está pedindo que os rebaños...
Comentarios