"O polígono industrial de Taboada precisa unha segunda fase"

Miguel Pavón é o novo presidente da asociación de comerciantes e industriais de Taboada. Avanza que darán continuidade a actividades "de éxito", como o mercado de Nadal ou o Encontro do Viño
Miguel Pavón consulta unha axenda no interior da oficina de Acimta. MIGUEL PIÑEIRO
photo_camera Miguel Pavón consulta unha axenda no interior da oficina de Acimta. MIGUEL PIÑEIRO

Agora é presidente e antes, vogal da asociación de comerciantes e industriais do municipio de Taboada (Acimta). Miguel Pavón Reinoso, propietario da adega Instinto Romano, quere ir por unha vía continuísta e manter o bo traballo dun colectivo que ata 2020 estaba moi parado.

Que balance fai destes anos de actividade de Acimta?
Moi positivo. Comezamos con moita ilusión e fomos sacando adiante proxectos moi importantes. Estamos traballando na terceira edición do mercado Petiscos de Nadal, unha actividade de nova creación con produtos de proximidade, e queremos que se desenvolva o segundo Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, Raizames. Ademais, grazas á asociación púxose en marcha o polígono industrial de Taboada, que estaba paralizado. A súa administración está en mans de Xestur e sacáronse a licitación parcelas, aínda que non todas están adxudicadas. Hai que impulsar agora unha segunda fase.

Que outras actividades promoveron dende a asociación?
Colaboramos coa campaña Días Azuis, da Federación de Comercio Galego, e defendemos os intereses dos asociados, aos que tamén lles ofrecemos formación, sobre todo no ámbito dixital. Tamén traballamos en novas sinerxias comerciais do territorio.

Contamos cuns 75 socios e traballamos polo aumento do tecido industrial e empresarial do concello

Cantos asociados ten agora mesmo Acimta? Precisa máis?
Hai sobre 75, pero o que vemos máis importante é que aumente o tecido industrial e empresarial do concello. Por iso traballamos. O noso obxectivo é que Taboada mellore economicamente e que haxa un tecido que permita asentar poboación. Non consiste só en que teñamos socios por ter.

Como de importante é a unión do comercio de proximidade para unha vila coma Taboada?
A unión do tecido económico é primordial para o avance do concello. A súa mellora repercute na vida diaria dunha vila.

Polo que nos di, entendo que o seu será un proxecto continuísta.
Por suposto. Quero agradecer a toda a directiva de Acimta e moi especialmente a Tamara Castro, a anterior presidenta, polo seu traballo. A dinámica é moi boa e esta renovación da directiva ten coma obxectivo xerar unha alternancia, unha sucesión natural que favoreza seguir co traballo.

Teñen algún novo proxecto en mente?
Nas vindeiras asembleas definiremos o plan estratéxico para os próximos anos. O principal é manter as iniciativas que tan ben funcionaron ata o de agora. Se hai que mellorar algo, farémolo. Folgos non van faltar.

Cal é o estado de saúde do comercio de proximidade en Taboada actualmente?
Vive unha situación complexa, relacionada co despoboamento, a falta de oportunidades e as diversas dificultades que ten o territorio. A ausencia de infraestruras é un problema. A autovía Lugo-Ourense (Taboada sería unha das grandes beneficiadas ao estar no camiño entre as dúas cidades) segue sen facerse e o noso polígono industrial precisa dunha segunda fase xa. Hai moitas problemáticas a analizar.

Comentarios