A poeta labrega Ana Vila Portomeñe lerá o pregón da Festa do Caldo de Ósos de Taboada

A escritora é natural do lugar de Vila, na parroquia taboadesa de Meixonfrío, e a súa será a voz do evento o 3 de abril, cando acadará as 30 edicións

A pregoeira, Ana Vila Portomeñe. EP
photo_camera A pregoeira, Ana Vila Portomeñe. EP

Ana Vila Portomeñe será a pregoeira da edición número 30 da Festa do Caldo de Ósos de Taboada, que terá lugar o domingo 3 de abril. Labrega e poeta, reside no lugar de Vila (parroquia de Meixonfrío), onde traballa coma gandeira. Entre labor e labor atopa a inspiración para escribir, unha dedicación que xa lle valeu diversos premios.

En 2017 publicou en galego Latexos dunha labrega, composto por 90 poemas en 115 páxinas. Este libro é unha homenaxe á terra, da que está orgullosa, e á muller rural. Un ano máis tarde sacou Pintasías. Poesías e debuxos e en 2019, Sentidos nunha aldea, en honra ás aldeas e á escritura a man, como está feita esta obra.

Ese mesmo ano gañou o primeiro premio na categoría sénior do certame de cartas de amor de Quiroga. Ademais, o seu relato Tesouro azul forma parte da antoloxía do quinto certame internacional Contos de Ultramar 2019, do Concello de Ferrol.

Ana Vila ten colaborado igualmente co Roteiro das Artes, o Roteiro das Artes Internacional, Portugalicidades, Camiños de Poesía, a homenaxe a Manuel María da Deputación de Lugo, Mondoñedo é Poesía, a revista lucense de creación poética Xistral, Nova Poesía Guitirica no certame de Vilariñas, Poemas pendurados das farolas e a revista NPG gazeta.

Entre as súas aparicións figuran tamén o programa de creacións artísticas arredor da muller rural lucense da Rede Museística e o documental Verde, a cor da soidade, emitido pola Televisión de Galicia en febreiro deste ano e para o que aportou diversos textos.  

Comentarios