Seis poetas de distintas zonas do mundo levan a poesía ao souto do Ameto Mítico

Seis escritores chegados de distintos lugares do mundo deron voz aos seus textos nun dos eidos de Novoneyra en Parada do Courel logo de facer o Camiño de Santiago da man do seu último libro
undefined
photo_camera Arancha Nogueira canda as outras poetas e asistentes. N.N

Primeiro, o enguedello do Camiño, que lle chamaba Novoneyra, ir paso a paso do Cebreiro a Compostela. Despois, o espazo circular do souto da Rubial. Nel reuníronse este domingo para compartir os seus textos as seis poetas participantes nas residencias literarias itinerantes polo Camiño de Santiago organizadas pola Fundación Novoneyra coa colaboración de O Teu Xacobeo.

Talvez, como dixera Belén Gopegui no mesmo lugar hai un mes, non haxa mellor sitio para ler. Tal vez opera aquí unha xustiza, e igual cás castañas volven ao chan, tamén as follas dos libros regresan ás árbores das que están feitas, castiñeiros plantados hai centos de anos para dar sustento a unha aldea. Tamén así opera o poema: recibe, garda e doa, como lembraba Uxío en palabras de Hölderlin. E iso foi o que fixeron despois dos quilómetros compartidos.

Arancha Nogueira comezou a lectura. Ela é a única que volverá a Compostela logo de rematar a residencia. A súa escrita xa fora traspasada polo Camiño, coas mesmas tensións coas que o Camiño traspasa a súa cidade.

A elas quixo dar outro rumor, outra lectura, como tamén nos Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas, libro no que se inspira este programa de residencias, Uxío trazou a cartografía das súas marxes e a do que nas marxes do poder resiste.

Nelas buscou Pilar Astray, madrileña filla de galega, a súa memoria. Fai falla un motivo para poñerse a andar, e o dela foi o de ralvar distancias, as da emigración, as da perda. E alí no souto pareceu logralo, conxurar palabra tras palabra tempos coma os das árbores.

Cantas árbores? Tamén seis en círculo, segundo contou o sarriao Luís López Alonso, que a cada unha dedicou un poema de Salífero ou en homenaxe a Xela Arias, a quen tamén tiveron ben presente estes días. O sétimo poema, o sétimo arrodeo, a parada en Parada: a palabra de todo aquilo que se puxo en movemento.

A poesía de Adam Wyeth, inglés residente en Dublín, foi levada ao galego por Branca Novoneyra. E con ela máis círculos, os dos derviches que danzan nos seus textos, os do nomadismo das viaxes, os da mesma vida que vai e volve.

Tamén traducida foi a poesía da húngara Agnes Marton, con ese mundo da natureza que para ela fai do Courel un lugar próximo. Humanos vistos dende a perspectiva dos animais que con eles conviven, coma este domingo no souto outros ollos tamén estarían mirando.

Das palabras falou a autora de Los idiomas comunes, Laura Casielles. Para ela, a pesar de non ser o seu idioma, o común foi que lle falasen en galego estes días. Por que o sentín como un convite, e non coma unha exclusión? Preguntábase.

Tamén ten que ver co poder, co lugar dende o que se fala. E coas árbores. "El mundo al que estamos invitados no es como para rendirse:/ si esto es un árbol, miremos cómo se abre la copa para que pase el sol", recitou. Árbores, trenzadas, fincadas, para seguir peregrinando.

Comentarios