Un pobo volcado coa cita, símbolo do pasado e con proxecto de futuro

Fin de semana. Taboada vivirá a festa cun renovado formato, que aspira a ser un gancho para a promoción e o desenvolvemento
Un momento da gravación do documental ‘O caldo de ósos nas súas mans’. EP
photo_camera Un momento da gravación do documental ‘O caldo de ósos nas súas mans’. EP

Taboada prepárase para gozar dunha das súas citas máis emblemáticas, a Festa do Caldo de Ósos, que chega nesta fin de semana á súa trixésimo segunda edición cargada de novidades, co fin non só de garantir a pervivencia dun emblema da localidade, senón para reforzar o futuro dunha cita que é moito máis que unha festa gastronómica, como reza o cancelo promocional. Busca, pois, ser unha plataforma para a promoción turística e cultural do municipio, sen esquecer a importancia para o mantemento dun sector primario vital para o seu desenvolvemento.

A área de Cultura do Concello de Taboada, en mans dos concelleiros nacionalistas Xosé Portela e Manuel Diéguez, é a promotora dunha cita para a que se conta coa implicación de todo o tecido social e asociativo. Unha programación cun abundante contido, co que se trata de chegar a persoas de todas as idades e satisfacer os seus gustos con propostas moi diversas.

O día grande volverá ser o domingo, co arranque ás dez e media da mañá dunha cita na que haberá feira porcina e exhibición de porco celta ademais dun mercado de produtos locais e de proximidade, para que os asistentes poidan tamén adquirir todo o necesario para facer o caldo da casa e, ao tempo, apostar por produtos agrícolas e gandeiros de quilómetro cero e valorizar o mundo rural.

A cita aposta por un formato renovado, cunha clara mellora no programa para atraer un público diverso

Á degustación gratuíta de caldo de ósos ás dúas da tarde na Praza de Riazón sumarase no mesmo lugar outra de porco celta ás nove e, dende as tres, o xantar nos restaurantes locais, que levan tempo recollendo reservas dende diferentes puntos de Galicia para esta fin de semana, aínda que hai días que ofrecen o caldo de tapa, no marco da promoción dun evento no que se está envorcando todo o pobo. Como exemplo, o concurso de escaparates promovido pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Municipio de Taboada (Acimta) ou a estrea dos cabezudos dos Rechouchíos, a agrupación local que promove o folión da mañá.

Cartel da XXXII Festa do Caldo de Ósos de Taboada. EP
Cartel da XXXII Festa do Caldo de Ósos de Taboada. EP

Unha xornada na que haberá concertos, obradoiros e maridaxe con viños da Ribeira Sacra, co fin de reforzar o atractivo dun prato tradicional que deu orixe a unha cita que convirte a Taboada nun destino ineludible na axenda cultural de Galicia.

O potente presente e o prometedor futuro non sería posible sen os que mantiveron viva a tradición, veciños e veciñas ás que este ano se rende homenaxe cun documental detrás do cal están Noa López Producións, encargada do desenvolvemento da cita, e David Pinacho Audiovisuais, un referente no sector e vinculado familiarmente a Taboada.

Un documental afonda na orixe dunha festa que converteu a taboada nun destino ineludible na axenda galega

O caldo de ósos nas súas mans presentarase o sábado ás seis e media da tarde no Cuartel Vello. O documental recolle o testemuño de varias persoas que contan non só a receita —soá, garavanzos, pataca e sesos, cun sofrito de aceite, allo e pementón doce e picante— senón tamén todo o ritual que o acompaña, desde a matanza ata o prato. Un matachín, unha veciña que leva toda a vida facendo o prato na casa; a cociñeira, dunha saga familiar, dun restaurante referencial en Taboada; e unha foránea, que montou na localidade un restaurante que ten caldo de ósos no menú son as entrevistas que dan fe desa tradición.

As lembranzas da orixe dunha cita o serán tamén do arranque da festa, que se estende este ano ao sábado e, tralo documental, inaugurarase a exposición fotográfica Crónica da pegada do porco celta en Galicia na casa da cultura e haberá unha ruta de viños e tapas polos bares de Taboada, preparados xa para dar o mellor de si a uns visitantes aos que agardan lles quedarán ganas de volver; de feito, son xa moitos os que apostaron por quedar toda a fin de semana e algún que amplía a súa estancia aproveitando a festa do Entroido.