Chámase Pistón e dende hai aproximadamente dez anos é un habitante máis de Currelos. Trátase dun can da raza mastín que apareceu abandonado, deitado na cuneta dunha estrada de acceso ao segundo núcleo de poboación máis importante do Saviñao. Os veciños asumiron o seu coidado, dándolle de comer e peiteándoo. O animal viu afecto e decidiu que aquel era o seu sitio. Non se moveu en todo este tempo.
A vida de Pistón é rutineira e apacible en Currelos. No verán busca as sombras e no inverno persegue os lugares que o tapen da chuvia ou o frío. Un veciño fíxolle unha casa de madeira a carón do antigo edificio dun sindicato, pero case nunca recorre a ela. "O normal é que se poña debaixo do noso toldo ou no campo da feira, onda as árbores", di Manuel López.
El é o propietario do bar Viñas, un dos dous establecementos hostaleiros que hai en Currelos. Ambos negocios teñen alimentado moitas veces a Pistón. Dende hai uns días, Manuel figura tamén coma propietario do can.
O motivo foi unha chamada ao Concello para advertir que en Currelos había un mastín abandonado. Iso motivou a visita da protectora de animais de Xermade, que leva o servizo de recollida neste municipio e outros da contorna.
Non tardaron en decatarse de cal era a situación. Aínda así, levaron a Pistón para practicarlle algunhas probas. Desparasitárono, fixéronlle analíticas e ecografías e mesmo lle descubriron un tumor na vexiga. "No desprazamento, o pobre can fíxonos desfeitas na xaula e no coche. Acostumado a estar ao seu aire, púxose nervioso ao verse pechado, así que decidimos que non era bo sacalo de Currelos", indican dende a protectora, que tamén recolleu unha cadela, compañeira de aventuras de Pistón. Esta permanece nas instalacións da sociedade.
Pistón ten sobre doce anos e vivirá o tempo que lle quede na calma de Currelos, ao carón dos moitos veciños que coidaron del na última década. Iso si, a efectos legais, Manuel López é o seu dono. "Está vello, así que alguén se tiña que facer cargo del para que estea acompañado. É o mellor, porque o can non se mete con ninguén", comenta o hostaleiro de Currelos.
A vida segue. Pistón está, segundo destacan dende a protectora, supervisado en todo momento por veterinarios. É un animal moi dócil e nin se inmuta ante a cámara que lle sacou as fotos para esta reportaxe. "Sempre responde cando o chamas e pon a cabeza para que o acaricies", conta Miguel Lorenzo, traballador dunha cooperativa gandeira en Currelos. Todos os días para no bar de Manuel para tomar un café e saudar a Pistón. Aproveita para levarlle restos de comida da casa ou pastas que mestura con penso.
"É un can para estar coa xente, non separado dela, e merece rematar a súa vida nun sitio onde sobren as mans que o acaricien", opina Miguel.
En realidade, Pistón chámase así dende hai pouco. Ao principio nin sequera tiña nome, pero si rutinas. "Polas mañás, cando abrimos o bar, xa está por aquí", subliña Manuel. Só polo gran tamaño que caracteriza os mastíns nótase a presenza de Pistón, pois apenas ladra. "Faino unicamente polas noites, cando pasa calquera animal", relata o hostaleiro.
Tal é a unión do enorme e tranquilo can co lugar que os veciños xa están pensando nos días posteriores a despedirse do animal, un momento que tristemente pode que non estea lonxe. Entre os habitantes xa xurdiu a idea de instalar unha placa que lembre a vida de Pistón en Currelos.