domingo. 31.05.2020 |
El tiempo
domingo. 31.05.2020
El tiempo

O Piloto, cabodano da lenda

Homenaxe a O Piloto no cemiterio de San Fiz de Asma no ano 2014. AEP
Homenaxe a O Piloto no cemiterio de San Fiz de Asma no ano 2014. AEP
A figura de O Piloto, último guerrilleiro do réxime franquista morto por disparos da Garda Civil, aínda está presente nas vidas de moitos lucenses. Cando se cumpren 55 anos da súa morte, segue recibindo homenaxes, aínda que tampouco lle faltan detractores

O 10 de marzo de 1965 falecía Xosé Castro Veiga, o último maqui abatido pola Garda Civil na historia de España. Nese mundo era coñecido coma O Piloto. Ao día seguinte da súa morte, este mesmo xornal daba a noticia cun artigo no que dicía: "Sobre las 11.30 horas del día de ayer, al hacer frente a fuerzas del puesto de Chantada, al mando del teniente jefe de la línea de la Guardia Civil de dicha residencia, don Alberto Díaz López, que le había conminado a que se entregara, ha resultado muerto en las inmediaciones del embalse de Belesar el tristemente célebre forajido José Castro Veiga, El Piloto, autor de numerosos asesinatos y atracos a mano armada, reclamado por varios. Se le ha ocupado una pistola ametralladora y otra calibre nueve milímetros de largo y abundante munición para las armas".

Xosé Castro Veiga, O Piloto, naceu no Corgo o 11 de febreiro de 1915. Aos 15 anos viaxou a Madrid para apuntarse na Escola de Aviación, onde ingresou e adquiriu o alcume. Serviu no bando republicano na Guerra Civil e fíxose cos galóns de cabo. No 1939 foi apresado en Madrid e condenado a 30 anos de cadea, aínda que aos catro anos foi indultado.

A partir dese intre permaneceu na capital contactando coa clandestinidade ata fuxir a Galicia no 1945.

Durante dous anos estendeu a organización do Partido Comunista de España e a resistencia antifranquista por diversos puntos do país. Estivo en contacto con Ramón Rodríguez, O Curuxés, outro histórico guerrilleiro, e finalmente Castro Veiga foi nomeado xefe do Estado Maior da II Agrupación Guerrilleira de Galicia, que actuaba no suroeste de Lugo.

Sobreviviu más de tres lustros en numerosos agochos

Daquela época datan asaltos ao servizo de transportes La Directa, atracos e outras actividades por toda a comarca en nome da República. Curiosa resulta unha anécdota segundo a cal O Piloto multou con 30.000 pesetas a un xuíz de Escairón, nunha actitude que mereceu as críticas dos seus compañeiros.

A andaina do guerrilleiro deu un xiro definitivo no verán de 1949, cando a Garda Civil desfixo a agrupación militar guerrilleira en Bóveda. Aquel día, tres dos seus compañeiros caeron na refrega, aínda que O Piloto conseguiu fuxir. Entón, botouse ao monte en solitario e a súa vida entrou na especulación e a lenda.

O Piloto ignorou as ordes do propio Partido Comunista (PC) de abandonar a resistencia armada e sobreviviu más de tres lustros en numerosos agochos. A súa figura foi explotada polo réxime coma o derradeiro guerrilleiro, o derradeiro resistente que morreu coas armas na man, unha imaxe á que o PC tampouco renunciou.

Cada ano nestas datas dende 1985 é cando un grupo de amigos e simpatizantes de O Piloto lle tributan unha homenaxe colocando unha lápida sobre a súa tumba. Son habituais os actos na súa honra.

Un tiro na testa acabou coa súa vida cando contaba con 51 anos

O Piloto foi o derradeiro escapado, fuxido, maqui ou bandoleiro abatido pola Garda Civil en España, aínda que non o derradeiro que actuou. Foi no regato de Choupán, que separa as parroquias de Pesqueiras e San Fiz, en Chantada, onde Xosé Castro atopou a morte. Non tivo alternativa. Un certeiro tiro na testa acabou coa súa vida cando contaba con 51 anos.

"A las once de la mañana del día 10, un vecino de O Saviñao confió al exsubteniente don Ángel Fernández la noticia de que el tristemente famoso forajido El Piloto, que durante años castigó toda esta comarca, estaba otra vez por aquí. Este se aseguró de llamar por teléfono a la Guardia Civil de Chantada. En tanto el paisano vio cómo El Piloto atravesaba la presa y en su apariencia era un empleado o trabajador cualquiera, pues iba tocado con una bilbaína, una chaqueta de Mahón azul en buen estado y unos zapatos fuertes", contan as crónicas, que tamén falan de que ese veciño fora atracado pouco antes por O Piloto.

Nos informes sobre el contabilizáronse 20 homicidios, na súa maioría axustizamentos inscritos dentro da loita guerrilleira. Romántico e xusticieiro guerrilleiro para uns ou vulgar criminal e atracador para outros. As autoridades franquistas dicían que "se comportaba con extraordinaria crueldade».

O Piloto, cabodano da lenda
Comentarios