Unha persoa resulta ferida ao precipitarse dun tellado en Carballedo

O afectado foi trasladado ao Hospital Clínico Universitario de Ourense

Un operario foi trasladado por un equipo médico despois de precipitarse do tellado no que traballaba. O accidente sucedeu no lugar de Mundín, na localidade luguesa de Carballedo.

O 112 Galicia tivo constancia do acontecido, ás 14:30 horas desta tarde, a través da chamada de alerta dun particular quen solicitaba asistencia sanitaria para un home que resultou ferido tras caer dun tellado ao que lle estaba a limpar os canlóns.

De inmediato, os xestores do 112 Galicia puxeron os feitos en coñecemento dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, debido ás lesións do traballador, mobilizaron ao helicóptero medicalizado ata o punto, ademais dunha ambulancia con persoal sanitario.

Tamén foron informados polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, os axentes da Garda Civil e os membros de Protección Civil da localidade.

Finalmente, os servizos sanitarios confirmaron ao 112 Galicia que o ferido foi evacuado na ambulancia acompañado polo persoal facultativo ata o Hospital Clínico Universitario de Ourense.