A pegada de Galeusca como afán e soño

O historiador quirogués Xosé Estévez, asentado no País Vasco, conta cunha longa obra dedicada á súa terra de acollida e tamén a Galicia. Agora saca do perlo 'A presenza de Castelao en Euskadi', libro no que afonda de novo nos pactos en torno ao proxecto Galeusca
Xosé Estévez. AEP
photo_camera Xosé Estévez. AEP

Nado en Quiroga no 1943 e residente en Oiartzun, no País Vasco, Xosé Estévez é un home de dúas patrias. Así se reflicte na vida e na obra deste historiador e profesor xubilado da Universidad de Deusto, que de novo foi crego na Fonsagrada. É autor de libros e artigos en galego, euskera e castelán sobre os nacionalismos peninsulares e destaca polos seus estudos sobre o proxecto de Galeusca, ese instrumento ideado nos anos 30 por nacionalistas galegos, vascos e cataláns para acadar unha confederación ibérica de nacións. Este quirogés afondou sobre os pactos da Triple Alianza (1923) e Galeusca (1933), así como sobre a reedición destes acordos no exilio desde o Bos Aires de 1941 ao pacto arredista de Caracas, en 1959. O último intento foi a declaración de Barcelona de 1998, entre a desaparecida CIU, o PNV e o BNG. Galeusca é, polo tanto, un fito emblemático que aparece de xeito recorrente para o artellamento dun Estado plurinacional, aínda que polo momento careceu de operatividade. Como investigador, Estévez forma parte do colectivo Galeusca Historia, que celebrou varios congresos.

Estévez volve de xeito indirecto sobre esta teima, que recolle os seus afáns e o seu soño, no seu novo libro, A presenza de Castelao en Euskadi. Xa presentou a obra o pasado 25 en Rianxo, vila natal do político galeguista, e farao o día 2 de xullo na casa da cultura de Quiroga.

"Castelao foi un líder carismático para os vascos", explica este docente. Tivo os primeiros contactos con eles nas Cortes da República e visitou Euskadi no 1932 e 1933, ano no que se rubricou o pacto de Galeusca. Castelao tivo unha estreita relación con Manuel de Irujo e outros dirixentes peneuvistas. "Case todos os galeguistas da época eran catalanófilos. O catalanismo exercía un maxisterio ideolóxico e tamén plástico nunha parte da sociedade galega, pero nos anos 30 reforzouse a interacción co nacionalismo vasco", comenta.

Despois da Guerra Civil houbo novos intentos de revitalizar o movemento Galeusca. Xosé Estévez fala no seu libro destas tentativas e do estreito contacto que mantivo Castelao con políticos do PNV no exilio. Tamén analiza a prensa vasca en Suramérica, que o entrevistou e publicou traballos sobre este dirixente político, "ao que definían como símbolo da Galicia eterna", di Estévez.

Xosé Estévez tamén publicou estudos sobre emigración galega en Euskadi, así como traballos sobre o seu concello natal de Quiroga, a donde adoita vir con frecuencia. Ao escribir sobre a súa terra, non só aborda cuestións históricas, como as ferrerías ou a presenza vasca nas mesmas entre os séculos XVI e XIX, periodo no que só no río Quiroga estaban documentados cinco mazos, que pertencían aos cabaleiros da Orde de Malta. Tamén relatou lembranzas da súa nenez e xuventude no seu lugar de orixe sobre as festas gastronómicas do Val de Quiroga e do Courel.

A simpatía polo nacionalismo xa a levaba de Galicia. Así o conta Xosé Estévez nun dos seus libros. Un crego atípico na Fonsagrada, no que narra a súa andaina como párroco de Cuíñas e Cereixido entre 1967 e 1969. Foi o seu primeiro destino ao saír do seminario e afrontouno con moitas gañas de loitar no que cría. Converteuse no primeiro párroco en misar en galego na diocese de Lugo, algo que non era do agrado do Bispado. "Que eu saiba, daquela só daba a misa en galego un xesuíta de Vigo, o padre Seixas", recorda. Estévez lembra que no 1967, cando oficiaba en San Martiño de Suarna, uns veteranos galeguistas que marcharon ao exilio e estaban alí de vacacións, os irmáns Santamarina, "choraron de emoción ao escoitar a eucaristía en galego".

Daquela xa defendía as ideas nacionalistas e mesmo na reitoral de San Cristovo de Cuíñas imprimíronse os panfletos do Día da Patria Galega de 1969 para repartir en toda Galicia. Nos lle faltou- o requirimento da Garda Civil para que se presentase no cuartel, xa que querían coñecer a aquel "crego comunista". Foron tempos intensos, de colaboración cos veciños, como cando organizaron o arranxo da pista de Porteliña a Cereixido ou a loita pola electrificación. Incluso se presentou a un concurso de televisión coa intención de gañar un millón de pesetas para poñer en marcha unha cooperativa láctea, pero non acadou o premio.

Xosé Estévez marchou estudar a Madrid nos 70 e alí namorou dunha vasca. Deixou o sacerdocio, aínda que a secularización non era moi doada naquela época, e asentouse en Euskadi. Alí mantén a súa identidade primixenia, a galega, e a de adopción, con Galeusca como obxecto de estudo e de ideal.

Comentarios