Pechado o único caixeiro automático que quedaba en San Clodio

O alcalde considera a decisión unha "pequena traizón" e buscará coa Xunta e a Fegamp unha solución ao problema
Una usuaria en un cajero automático. Patricia Figueiras
photo_camera Una usuaria en un cajero automático. ADP

A capitalidade municipal de Ribas de Sil, San Clodio, quedou esta semana sen caixeiro automático despois de que o banco Santander desmontase o aparello da Rúa da Liberdade, o único que había. Con todo, os veciños aseguran que non funcionaba dende había practicamente un mes.

A sucursal do Santander en San Clodio pechou o ano pasado, despois de marchar o axente que a operaba. "Cando o deixou había xente interesada en collela", indica o alcalde de Ribas de Sil, o socialista Miguel Ángel Sotuela. Aínda así, o rexedor local asegura que dende o banco "quixeron pechala".

Sotuela afirma que esta entidade e, sobre todo, o antigo Banco Pastor "fórono todo para o municipio", polo que considera esta decisión "unha pequena traizón".

O alcalde asegura que intentaron "por todos os medios manter o caixeiro, pero non houbo forma". Entre outras "medidas de presión", o Concello retirou os cartos da conta que tiña nese banco. Sotuela avanzou que xa están "mantendo contactos coa Xunta e a Fegamp" na procura dunha solución.

Reacción

O novo voceiro do PP de Ribas de Sil, Jose Rodríguez, lamenta que a situación "prexudica seriamente aos negocios locais e aos veciños, sobre todo ás persoas maiores, porque teremos que desprazarnos a Quiroga". No concello veciño hai tres caixeiros.

Rodríguez pide ao goberno local "que tome cartas no asunto" e faga "as xestións necesarias dentro das súas competencias para defender os intereses dos veciños".

Comentarios