XAVIER VIANA, antropólogo chantadés

"O patrimonio non son as festas do lume, senón as persoas que fan que continúen"

As fachas de Vilelos, Castelo e Piornedo son, para Xavier Viana, non só unha tradición fascinante, tamén un xesto de resistencia dos veciños
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Xavier Viana

Xavier Viana cociña a fogo lento. O antropólogo chantadés leva tres anos investigando as festas do lume na provincia. Xa sobre este tema falou o ano pasado no segundo Encuentro Nacional de Fiestas Tradicionales con Fuego que ten lugar en Mayorga (Valladolid), onde reclamou a necesidade de recoñecer aos veciños que fan as festas como o auténtico patrimonio cultural.

Que forma tomará esta investigación?

Estou traballando canda a fotógrafa compostelá Lidia Castro, que leva a parte gráfica. Xa fixemos unha exposición sobre as fachas de Castelo, pero agora queremos que a investigación dea forma a un libro que inclúa os seus resultados, o testemuño dos propios veciños e documentos gráficos.

Cantas festas do lume hai hoxe en día na provincia de Lugo?

Temos a queima das fachas Castelo (Taboada), a noite do 7 ao 8 de setembro; o folión das fachas de Vilelos (O Saviñao), no cuarto venres de setembro, e en Piornedo (Cervantes) durante a noite do martes ao mércores do Entroido, aínda que este ano fixeróno o luns.

Cantas habería noutros tempos?

Manuel Murguía fai referencia ao culto ao lume en Galicia e ás súas festas a finais do XIX. Por exemplo, conta que na zona dos Ancares había moitas, algo que puidemos comprobar na memoria oral, que é a que máis nos interesa, dos veciños de Piornedo neste pasado Entroido. Federico Cocho recolleu en ‘O carnaval en Galicia’ moitos testemuños de xente da Fonsagrada que lembraba festas con fachas de lume.

Por que, se desapareceron en moitos lugares, mantéñense en Piornedo, Vilelos e Castelo?

Esa é unha das preguntas que nos interesa. A resposta nola dá a evolución do patrimonio inmaterial noutros lugares, ese que se transmite de xeración en xeración. Nestas tres festas hai unha continuidade da transmisión xeracional que non desapareceu. As novas xeracións incorporaron o sentido das celebracións e, como son herdeiros do testemuño, tamén se permiten cambiar o que consideran. Como dicía Xaime Delgado, valedor das festas de Castelo, non continuar con estas celebracións sería facernos indignos do legado dos antepasados. Nestes casos, un grupo moi reducido de persoas decide continuar coa festa e tira doutros veciños. A resposta está aí: o patrimonio non é a celebración, senón as persoas que a fan continuar, que deberan ser recoñecidas como patrimonio vivo, algo que si sucede noutros lugares do mundo.

Que ten o lume para nos fascinar tanto?

O lume está entre o límite da natureza e da cultura. Esta visión é común na antropoloxía e na arqueoloxía. O lume xúntanos á súa volta. Nas tres celebracións hai un momento no que iso sucede.

Cal é a especificidade de cada unha destas festas?

En Castelo, nas semanas anteriores recóllense os ‘agucios’ casa por casa, unha planta que non ten outra utilidade. Logo fan as fachas e no día da queima súbenas ao castro e sitúanas en círculo. En cada facha aparece identificado o nome do neno ou nena da casa. En Vilelos prenden as fachas no campo da festa e suben ao castro co lume xa prendido. Despois fan unha grande fogueira e aínda prenden dúas fachas xigantes. En Piornedo prenden lume á facha na saída do núcleo, e diríxense aos Picos da Torre, onde fan unha fogueira e comparten a cea cos produtos que foron recollendo casa por casa. Existe unha gran diversidade entre celebracións próximas.

Que idade poden ter estas festas?

A orixe dos rituais é descoñecida. O lume, como a auga, tivo culto dende épocas remotas, vencellado co animismo, pero non podemos datalo. Estas celebracións son do pobo, e o pobo non escribe sobre o que fai. A Igrexa si que escribirá posteriormente. As sinodais de Mondoñedo, por exemplo, fan referencia ao culto do lume nas casas, e instan á súa eliminación.

Que significado teñen agora esas festas para os veciños?

O lume xa non ten valor ritual, pero reforza os valores da comunidade. A xente non sabe dicir exactamente que significa, pero si que senten algo especial ao ser unha cousa herdada dos maiores.

Que relación ten este lume co lume novo do San Xoán?

O San Xoán, en certa maneira, ten o mesmo papel do lume purificador, coma en moitas festas do lume europeas. Sen embargo, nas festas das fachas hai unha preparación máis longa, o que propicia encontros e fai que as casas teñan un gran protagonismo.

Cal será o futuro destes festexos?

Teñen risco de desaparecer, debido ao despoboamento brutal dos últimos anos. Por iso é fundamental que os veciños sexan recoñecidos como patrimonio. Se non, a diversidade cultural vaise perder. E esa diversidade é a que nos fai sentir humanos neste contexto no que se tende á uniformización.

Comentarios