Papel, café e moita paciencia

Marisé Rey é a encargada de facer o pucho do volante, a figura máis emblemática do Entroido Ribeirao, tarefa á que adica semanas

Marisé Rey preparando as flores para o ornamento. TOÑO PARGA
photo_camera Marisé Rey preparando as flores para o ornamento. TOÑO PARGA

O PATRIMONIO galego, material e inmaterial, ten nalgúns veciños os seus maiores defensores. Na Galicia do feísmo, dos pendellos, das cancelas con somieres, dos cruceiros parcheados con cemento ou das pedras de dolmen reconvertidas en pías para darlle de beber ás vacas, tamén hai quen fai as cousas ben e adica o seu tempo, folgos e moitas veces os seus propios cartos a protexer o patrimonio común.

A xente do Entroido Ribeirao de Chantada é un exemplo disto. Unha ducia de veciños de Santiago de Arriba levan anos pelexando por manter e difundir un dos entroidos máis antigos de Galicia, son cidadáns que traballan todo o ano a fondo perdido.

Eles mesmos din que son un grupo compacto e que ninguén é imprescindible pero todos son necesarios. Aínda que, se cadra porque a tradición non lle ten reservado o dereito de vestir un traxe de volante ou arrastrar unha pelica para que ese intre de festa lle recompense todo o esforzo, hoxe toca destacar a Marisé Rey, a eterna costureira e cociñeira do Entroido Ribeirao.

Marisé Rey ten, entre outras, a misión de facer os puchos do volante principal do Entroido Ribeirao e falamos de puchos en plural porque nun só entroido empréganse catro ou cinco destes elementos. Están feitos de papel e a choiva, a humidade e o roce provocan que cada día que sae o volante xefe precise como mínimo un pucho novo.

A Marisé adica tres días completos a montar un sombreiro se ten todo o material preparado previamente. Trátase dunha peza que pesa 18 kilos e vai montada sobre unha estrutura de bimbio. Dela colgan cerca dun cento de cintas de papel de cores chamadas colonias. Na parte alta o pucho vai decorado con 110 flores feitas a man folla a folla e que simbolizan os campos en flor. Leva ademais tres plumachos en homenaxe ás árbores e dúas bonecas que invitan aos nenos a saír á rúa e correr polos campos porque o conxunto do volante e do Entroido Ribeirao é unha chamada á primavera, á fertilidade, á nova vida.

Esta veciña da parroquia de Santiago de Arriba pasa semanas nas que só se levanta da cadeira para comer. O resto do tempo está adicada en corpo e alma a facer o pucho. Son centos de horas, toneladas de papel, milleiros de tazas de café e unha dor nos brazos que algún ano chegou a incapacitala.

Marisé Rey aprendeu a arte de rizar as flores do pucho dunha veciña da aldea e perfeccionou a técnica ollando fotos antigas. Durante moitos anos as flores identificaban e diferenciaban os volantes de cada unhas parroquias chantadesas nas que se celebrara o Ribeirao e esta muller esforzouse moito por aprender a facer as de Santiago de Arriba, especialmente complexas.

Di a costureira que é cuestión de paciencia, que ten roto moito papel antes de que lle saísen as pezas á primeira, pero que todo se aprende. Aínda que polo momento non atopou quen lle dese o relevo neste particular encaixe de bolillos. Dende que hai testemuños gráficos do Entroido Ribeirao o pucho sempre se fixo con papel de cores. Pero contan que antes se empregaban verzas secas e follas de millo. O reto de Marisé é facer algún día un pucho con eses materiais.

Comentarios