Pantón garda os segredos da alma

As monxas de Ferreira viven en clausura e en silencio, pero coa porta aberta para quen queira compartir con elas uns días en calma.
María Cruz, abadesa do convento de Ferreira de Pantón. ADRA PALLÓN
photo_camera A abadesa María Cruz, no claustro do mosteiro de Ferreira de Pantón. ADRA PALLÓN

Hai un lugar en Ferreira de Pantón onde é posible escoitar ata os pensamentos máis fondos. O silencio anima a falar á alma, que se expresa con claridade e sen restricións. Alí viven oito mulleres, que abren as portas da súa casa a quen queira compartir con elas o ambiente de tranquilidade que se respira no mosteiro de Santa María.

María Cruz é a abadesa que leva as rendas deste cenobio cistercense, o único feminino que segue activo en Galicia. Comparte casa con outras sete mulleres e entre todas coidan desta xoia arquitectónica que foi declarada ben de interese cultural no 1975.

As monxas de Ferreira ofrecen cama e comida a quen busque un tempo en calma

Elas son monxas de clausura, pero só os seus corpos están pechados ao mundo. A súa mente voa cos tempos e iso pode comprobarse cunha simple conversa. É certo que non falan moito, teñen voto de silencio, pero o pouco que din está moi reflexionado e razonado.

"Cuando trabajamos tenemos conversaciones funcionales entre nosotras, en voz baja, y los domingos nos juntamos un rato para hablar", explica María Cruz cando se lle pregunta se non lle resulta difícil vivir calada. Ela responde rotundamente que non, que o silencio é necesario para escoitarse, para mirar no interior dun mesmo e, no seu caso, tamén para falar con Deus.

Pero esa vida contemplativa que se lles supón non o é tanto cando se analiza o traballo que estas oito mulleres realizan a diario. Todas superan a idade de xubilación. Son as encargadas de manter o mosteiro en boas condicións, traballan unha horta da que sae a maior parte dos alimentos que comen, elaboran doces que venden á entrada do mosteiro e que supoñen unha parte importante dos seus ingresos, e rexentan unha hospedería na que ofrecen aloxamento e comida a quen queira desfrutar duns días "en paz".

E a xulgar pola demanda, hai moita xente que precisa dese descanso. "Tenemos muchas solicitudes. Tal vez es una empresa superior a nuestras fuerzas", comenta a abadesa, pero afróntana con gusto e coa satisfacción que lles dá compartir o seu tesouro. "Quien viene, vuelve. Aquí se congregan un conjunto de factores que conforman una atmósfera pura, de sosiego", explica, un ambiente moi aprezado nestes tempos de mundanal ruído.

O silencio marca a pauta dentro das paredes do cenobio e debe ser respectado

Os hóspedes do mosteiro de Ferreira son moi variados, pero teñen en común que procuran paz. Uns para estudar, outros para pensar, outros para relaxarse, outros para crear. Chegan de toda España atraídos polo encanto do lugar.

Nestes momentos, tamén vive no mosteiro unha familia procedente de Ucraína. "Ocupan un espacio independiente, para que puedan hacer su vida. Es una familia con niños que están escolarizados. Llegaron a través de una ONG, el Ayuntamiento nos pidió ayuda y nosotras dimos lo que teníamos", explica María Cruz.

ALOXAMENTO E COMIDA. Para os hóspedes convencionais, o convento conta cunha zona de aloxamento antiga e outra reformada recentemente. Hai cuartos dobres e individuais nos que son ben recibidos tanto homes coma mulleres. Só se lles pide respecto á vida monacal e que non armen moito barullo porque non se pode esquecer que a comunidade que habita o lugar ten voto de silencio.

A horta do mosteiro é a base do menú que relixiosas e visitantes comparten a diario

Os hóspedes tamén poden dispoñer de servizo de cociña se o desexan. As monxas comparten con eles o seu menú diario. "Hacemos comida natural, sencilla, monástica. Casi somos vegetarianas porque la mayor parte de lo que comemos procede de nuestra huerta. Es comida ecológica", comenta a abadesa. "Cocinamos nosotras, pero el comedor es de autoservicio. Los huéspedes se sirven ellos mismos y comemos por separado". María Cruz aclara que "esto no es un hotel, es un alojamiento singular, una hospedería donde se aloja quien busca tranquilidad". 

Ás veces, o silencio e a calma son unha carga demasiado pesada para quen procede do boureo da rúa. O entorno natural que rodea o mosteiro axiña capta a atención e axuda a aliviar esa sensación. Quen xa estivo alí confirma que neste tempo ata se pode oír como caen as mazás do pomar do convento. Só por curiosidade xa merece a pena deterse a escoitar.

Pero para quen necesite máis actividade, as relixiosas de Ferreira de Pantón ofrecen a posibilidade de colaborar nas súas tarefas.

Facer doces con elas é toda unha experiencia. Elaboran os produtos con receitas ancestrais e convidan a compartir ese traballo con quen queira desfrutalo. "Hacemos dulces tradicionales. La tarta de Ferreira, con una receta del siglo XVI, y con la misma masa hacemos almendrados. También elaboramos tejas, golosas –que son galletas de mantequilla–, coquiños –con coco– y las alegrías, que son saladas", enumera María Cruz. Quen queira probalos terá que visitar polo menos a porteiría do convento, que é o lugar onde se despachan.

Os hóspedes poden participar nalgunhas tarefas, como a elaboración de doces tradicionais

O silencio e a calma animan a chamar á porta, pero mesmo desde fóra hai moito que experimentar. "Tenemos una finca de tres hectáreas y la estamos preparando como complemento a las habitaciones, para que los huéspedes puedan disfrutarla".

ESCOLA DE ORACIÓN. As relixiosas de Ferreira de Pantón están convencidas de que desde as paredes nas que están clausuradas poden contribuír non só a cambiar o mundo, senón a melloralo. E xa se puxeron mans á obra para empezar canto antes.

A clave nesta ardua tarefa desvélaa a abadesa: "Hay que despertar la vida interior, que está dormida". Para iso, organizarán xornadas de "oración y lectura de la sagrada escritura" para quen queira darlle un "matiz más espiritual" á súa estancia no mosteiro. María Cruz considera que "hemos perdido el norte y es necesario que nos escuchemos, buscar dentro y despertar la parte espiritual de cada uno".

Pero esta proposta de actividade relixiosa é, simplemente, un complemento co que as monxas de Pantón queren contribuír a mellorar a sociedade. Será unha actividade limitada no tempo, "una semana de vez en cuando o algún fin de semana", e en ningún caso obrigatoria para quen se hospede no mosteiro.

As relixiosas de Ferreira teñen as portas abertas para quen queira coñecer a súa casa e compartir a atmósfera de paz que respiran, unha obra de arte que labran a diario. Saben que non todo o mundo comprende o seu xeito de vida. Escoitan críticas que atribúen á ignorancia e tamén para iso teñen a solución: unha man tendida a quen queira coñecelas.

Outra opción na provincia de Lugo
O mosteiro de Samos
► O mosteiro de Samos dispón de hospedería e albergue de peregrinos, pero estas estancias non teñen calefacción e por ese motivo permanecen pechadas durante os meses de inverno. 
► A data prevista para a reapertura ao público destes servizos é o 19 de marzo.

Celas
► O aloxamento que ofrece o mosterio de Samos está organizado en antigas celas monacais pensadas para "unos días de retiro", según fontes convento.
► As habitacións están ubicadas nun claustro do século XVII e teñen vistas ao río e á horta da que se abastecía a afamada botica do mosteiro.

Oferta externa
► A comunidade de monxes de Samos tamén xestiona unha hospedería externa, fóra do recinto do mosteiro, aínda que próxima a el. Este establecemento si que está aberto todo o ano, pero é alleo á vida do cenobio.
► Ten 31 prazas distribuídas en habitacións individuais, dobres e familiares, con calefacción e conexión a internet. Hai espazos comúns con televisión, lavadora, secadora e estacionamento para bicicletas.

Comentarios