Unha pandemia con miradas distintas

Dous galegos establecidos en Corea do Sur comparan as distintas maneiras de xestionar a crise. A celeridade na actuación e o uso das máscaras e da tecnoloxía marcan as diferenzas
Junhak e Vanesa. EP
photo_camera Junhak e Vanesa. EP

Cando hai cinco anos Junhak, o marido surcoreano da luguesa Vanesa, encheu a casa dos dous en Seúl de máscaras, víveres e bombonas para unha boa tempada, ela pensou que era un pouco "esaxerado", que se cadra o seu traballo en biotecnoloxía no laboratorio facíao máis temeroso. Daquela, a taxa de mortalidade do novo virus, o Mers, superaba o 20 por cento. Cando apareceron en España os primeiros casos de Covid-19, a familia de Vanesa, dunha aldea de Santa Eulalia de Bóveda, pensou tamén que, se cadra, estaba a ser un pouco esaxerada, instándoos a todos a abastecerse de máscaras.

Esa experiencia previa de Corea do Sur con novos virus como o Mers e o Sars está, para eles, na base da exitosa xestión da crise do coronavirus nun país que, a pesar de rexistrar un crecemento exponencial de contaxios tras a detección dos primeiros casos, logrou controlar a situación rapidamente e sen confinamento.

Algúns apuntan ao uso das máscaras como algo fundamental. "Alí está interiorizado, non xera impacto como puido facelo aquí, pois están afeitos a poñelas cando advirten a contaminación que, din, chega dende China", conta Vanesa. A ela esta crise colleuna na aldea natal, onde leva uns meses estudando un mestrado para o profesorado, un xeito de "descansar" das esixencias do doutoramento en enxeñaría química que cursa en Corea do Sur, "máis grandes por ser muller e estranxeira", comenta. A distancia con respecto ao seu marido é dura, e se ben agradece estar aquí coa súa familia, recoñece que sería máis práctico estar alí. "Aquí vanme cancelar a cita que teño no médico, algo impensable alí, onde non parou nada, só pecharon as escolas", conta.

A quilómetros de distancia, Junhak non deixou de ir un día ao laboratorio. Para el, a chave da xestión foron "as probas rápidas e abondantes, así como as corentenas e o esforzo individual para previr infeccións. Todos os contactos dos pacientes illáronse rapidamente", indica.

Hugo Lago, coa súa muller, Surim Kim, e a súa filla, Vera Lago Kim. EP

TECNOLOXÍA. Quizabes, a fenda máis pronunciada entre un ou outro modo de xestión está na tecnoloxía. Hugo Lage Santomé, de Moaña, leva pouco máis de cinco anos en Seúl, onde traballa nun laboratorio farmacéutico, casou e tivo unha nena. Ao pouco tempo de apareceren os primeiros casos de Covid-19, recibiu unha chamada do Goberno surcoreano. Preguntábanlle se tiña algo que ver coa Igrexa Shincheonji de Xesús, un dos principais focos de expansión do virus. "Non sei como, pero aparecín nunha lista vencellada a ese grupo co que non teño nada que ver... preguntáronme como estaba, se tiña síntomas; fan un control de cada persoa", comenta. Dende que comezou a crise, o seu teléfono non parou de recibir mensaxes do Goberno. Nos primeiros días podían chegar a ser 30, con información sobre os veciños portadores do virus. "Non revelaban a súa identidade, pero si a idade, o aspecto e os lugares polos que pasaran", indica. Para a súa muller, Surim Kim, é algo normal, igual que para Junhak, que indica que "non hai obxección a revelar os movementos da persoa mantendo o seu anonimato, porque os beneficios de divulgar esa información son maiores", comenta.

"En Seúl non podes facer nada sen ser visto", comenta Hugo. Na outra cara dese control, sen embargo, "nesta crise todo foron recomendacións", indica. "E a xente ségueas. Das empresas saíu fomentar o teletraballo, e a xente non vai aos bares, aínda que seguen abertos", comenta. No seu laboratorio, cada vez que entra e sae mídenlle a temperatura. "Aquí a sanidade funciona con copago, pero cando se detectaron os primeiros casos o Goberno ofreceuna gratuitamente para enfermos de Covid-19, tivesen os papeis en regra ou non", indica.

"Eu vivín o Mers aquí, xusto cando cheguei. A xente asustouse de verdade", comenta Hugo. Junhak recoñece que, dende alí, a situación nesta latitude vese "con preocupación. Por que non recomendaron as máscaras a tempo? Por que non se prepararon despois do brote sufrido en China?", indica. E engade que "dalgún xeito, penso que en Europa e en España crímonos intocables".

Comentarios